O Seminario de Onomástica profunda nos pseudónimos e a paisaxe topónimica de Fernández del Riego

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega súmase á celebración do Día das Letras Galegas de Francisco Fernández del Riego profundando na paisaxe toponímica da infancia do autor e nos diferentes pseudónimos que empregou. Os contidos divulgativos creados para a ocasión poden lerse na sección Detrás do nome da páxina Toponimia de Galicia.

Del Riego de neno. Fonte: Concello de Vigo. Arquivo Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego asinou numerosos textos con distintos pseudónimos. Tres deles, Salvador Lorenzana, Adrián Souto e Cosme Barreiros, están relacionados cos nomes da súa terra natal, lembra o Seminario na súa primeira entrega das Letras Galegas 2023, que inclúe tamén a explicación sobre a orixe do nome Lourenzá, a terra natal do autor, coa que o proxecto Toponomasticon Hispaniae se suma a esta celebración.

O Seminario de Onomástica detense tamén no topónimo Pumar de Don, escenario da única novela de don Paco, O cego de Pumardedón. O terceiro artigo desta serie percorre lugares da infancia do intelectual e a cuarta e derradeira entrega refírese a outros topónimos da súa terra natal que Fernández del Riego destaca na memorias O río do tempo.