O rescate de dez poemas censurados de Celso Emilio

As dez composicións dos Antipoemas de Celso Emilio Ferreiro que no seu día foron obxecto de censura acaban de ser rescatadas do esquecemento polo Colexio de Procuradores de Vigo, coa axuda do académico correspondente Ramón Nicolás, biógrafo do poeta celanovés. A historia desta homenaxe arrinca cando o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do poeta, Luís Ferreiro Loredo, agasallou a entidade colexial cun manuscrito do autor, quen exercera durante un tempo como procurador na cidade olívica. Os versos publicáranse en Caracas nunha edición non venal de escasa circulación e nunca foron incorporados a antoloxía ningunha.

Pola esquerda, Ramón Nicolás, José Antonio Fandiño, Luís Ferreiro Loredo e Rosario Álvarez. Fonte: Colexio de Procuradores de Vigo

Celso Emilio enviou a Manuel María no ano 1970 a obra Antipoemas coa intención de que vise a luz en Xistral, a editorial que o poeta chairego rexentaba en Monforte de Lemos. Tras seren varios deles obxecto de censura, o autor decidiu traducilos ao castelán e publicar un adianto na revista Expediente de Caracas, baixo o título Trece poemas iracundos y una canción desesperada, repasa Ramón Nicolás. Pouco despois presentou o volume ao Concurso Internacional de Poesía Álamo de Salamanca e resultou premiado. O galardón implicaba a edición da obra, pero cando os Antipoemas saíron do prelo en 1972 fixérono amputados: faltaban dez poesías de marcado carácter crítico coa situación política e social. Os editores, nun acto de autocensura ás costas do autor, decidiran deixalos fóra para evitaren problemas co réxime franquista. Entre os desbotados figuraba “Fuero juzgo”, cuxo orixinal custodia o Colexio de Procuradores de Vigo.

Celso Emilio respondería coa publicación, de novo en Venezuela, dun opúsculo sen distribución comercial que pagou do seu propio peto cos cartos do premio. Titulouno Poemas prohibidos. Diez poemas no incluidos en el libro Antipoemas por causas no imputables a la voluntad del autor. A separata tivo circulación moi restrinxida, o que explica que os versos non fosen incorporados ás antoloxías, contextualiza o académico correspondente.

Ramón Nicolás participou na presentación do rescate dos Poemas prohibidos celebrada no museo Marco de Vigo. No acto interveu xunto a Luís Ferreiro Loredo, o decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, e a directora da Sección de Lingua da RAG e presidenta do Consello da Cultura Galega, a académica de número Rosario Álvarez.

A iniciativa é parte do traballo de divulgación do Colexio de Procuradores de Vigo do arquivo de Celso Emilio Ferreiro como procurador, unha descuberta que contribúe á apertura de novas liñas de investigación sobre a figura e a obra do poeta.