O rap 'Vibrando con Xela Arias' ponlle a banda sonora ao concurso de podcast 'O Vello dos contos'

O Ano Xela Arias segue activo e participativo. O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio do colectivo Ponte nas Ondas, convocou un ano máis o Certame Escolar de Podcasts Xosé Mosquera Pérez O vello dos contos, que conta tamén coa colaboración da Real Academia Galega. A figura da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 avivou a creatividade dos participantes. O CEIP Mestre Manuel García de Oia fíxose co premio de primaria cun apegadizo tema musical, “Vibrando con Xela Arias”, e o IES Fontexería de Muros gañou o de secundaria coa peza “Xela nas ondas”. O xurado outorgou un premio especial ao podcast  titulado "Xela" do alumnado do CEE Saladino Cortizo de Vigo.

Participantes no acto de entrega dos premios do certame no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela

O rap “Vibrando con Xela Arias” substituíu o timbre do colexio de Oia durante a semana do Día das Letras Galegas e volve facelo nestes días de fin de curso. O tema foi gravado por boa parte dos alumnos e alumnas de 5º curso grazas ao traballo da súa titora, Sofía González Cordero, e o profesor de música, Elías Domínguez Pereira.

O podcast gañador na modalidade de secundaria está protagonizado polo alumnado de 2º da ESO do IES Fontexería, baixo a coordinación da profesora de galego Olalla Liñares García, e contou tamén coa participación das docentes María Cernadas e María Viturro.

O centro de educación especial Saladino Cortizo fíxose cun premio especial pola peza radiofónica titulada “Xela”, realizada polo alumnado de tránsito á vida adulta, de entre 16 e 21 anos, e gravada pola súa titora, Rebeca Medina. O colexio recuperou este curso académico a radio escolar a través da programación da biblioteca, á fronte da cal está a profesora de audición e linguaxe Mercedes Fragueiro.

Todos os traballos gañadores e mais os finalistas poden escoitarse nesta ligazón.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, posa con dúas alumnas e un alumno do CEIP Mestre Manuel García e Lola Mosquera, filla de Xosé Mosquera Pérez