O presidente da Xunta de Galicia recibe a nova comisión executiva da RAG

O presidente da Real Academia Galega presentou onte ao presidente da Xunta de Galicia as principais liñas de traballo da institución para os vindeiros meses. O máximo responsable do Goberno galego recibiu a Víctor F. Freixanes no despacho Monte Pío, tras a súa reelección como presidente da RAG o pasado mes de abril. A preocupación pola creba na transmisión xeracional da lingua galega foi un dos eixes da xuntanza, na que  se avaliaron ademais as liñas de colaboración entre ambas as institucións.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, onte pola tarde no despacho de Monte Pío. Fonte: RAG

Na xuntanza tamén participaron o vicesecretario e a arquiveira-bibliotecaria da RAG, Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo, e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Os membros da nova comisión executiva da Academia presentáronlle ao presidente da Xunta de Galicia o informe do Seminario de Sociolingüística titulado Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO, que indica que o 70% do alumnado fala única ou preferentemente en castelán e que un 35% destes mozos e mozas remata a ESO cunha escasa competencia en galego. Ambas as partes intercambiaron impresións sobre as medidas necesarias para reverter unha situación que require de actuacións nos diversos espazos de socialización da mocidade.