O presidente da Academia recibe a Mesa pola Normalización Lingüística

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o vicesecretario e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, recibiron na sede da institución o presidente e a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e Celia Armas. A entrevista xirou arredor da futura Lei Xeral de Comunicación Audiovisual que se tramita no Congreso dos Deputados na que, coincidiron ambas as partes, a pluralidade lingüística do Estado español debe estar debidamente recoñecida.

Os representantes da Mesa pola Normalización Lingüística expuxeron no encontro as alegacións presentadas pola asociación ao anteproxecto lexislativo co propósito de que o galego teña un trato igualitario con respecto ao castelán en contidos e porcentaxes mínimas na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión baixo demanda. Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo expresaron a sintonía da RAG coas reivindicacións da Mesa neste eido e agardaron que ao longo da tramitación parlamentaria a futura lei sexa mellorada para garantir os dereitos lingüísticos das linguas cooficiais do Estado.