Letras galegas 2020

O Portal das Palabras inicia unha serie de contidos sobre Carballo Calero

O Portal das Palabras abre hoxe co teatro de Ricardo Carballo Calero unha serie de contidos divulgativos arredor da vida e obra do autor ferrolán. A páxina web de difusión do léxico galego da Real Academia Galega e da Fundación Barrié súmase así á celebración do Día das Letras Galegas 2020, dedicado ao filólogo, profesor e escritor, quen foi tamén membro da RAG dende o ano 1958.

Cuberta de Catro pezas
Cuberta de Catro pezas

Como escritor, Carballo Calero sentiuse ante todo poeta, pero o teatro foi o primeiro xénero que cultivou xa dende a infancia. O Setestrelo que o Portal das Palabras lle dedica á súa dramaturxia recorda a afección familiar ao teatro e detense nas principais pezas do autor, combinando a divulgación da súa obra con información lingüística sobre palabras asociadas a ela. A serie continuará con outro Setestrelo sobre a súa poesía e un máis dedicado á narrativa e o ensaio, entre outros contidos. O autor das Letras Galegas 2020 tamén inspirará a sección da Palabra do Día da semana do 17 de maio.