O libro sobre Fernández del Riego ‘Lume aceso’ reedítase co gallo das Letras Galegas 2023

O libro biográfico sobre Francisco Fernández del Riego Lume aceso acaba de ser reeditado no marco da programación especial do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá. Os autores, Manuel Román e Xosé López, presentaron o volume nun acto na casa consistorial deste concello lugués que contou coa colaboración musical de Lino Rico Fernández e un recital poético de Esperanza Pérez Camba que foi tamén unha homenaxe a Salvador García-Bodaño. Entre outros versos, a profesora leu o poema que o académico, falecido o pasado mes de marzo, lle escribira ao protagonista do vindeiro 17 de maio.

Manuel Román e Xosé López publicaron Vivir unha vida no ano 2001, con motivo do nomeamento de Francisco Fernández del Riego como fillo predilecto de Lourenzá. Este percorrido pola traxectoria vital de don Paco foi ampliado baixo o título Lume aceso en 2011, un ano despois do seu pasamento, con textos de lembranza de Isaac Díaz Pardo, Xosé Luís Méndez Ferrín e Basilio Losada, entre outros autores e amigos de don Paco. O volume volve saír agora do prelo, nesta ocasión con motivo do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica esta ano a quen foi o impulsor da celebración e tamén o seu presidente.

A reedición é unha iniciativa promovida pola Mesa Coordinadora Don Paco e o Concello de Lourenzá coa colaboración da Xunta de Galicia. Na presentación os autores estiveron acompañados pola alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e Ana Mel, xefa de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia en Lugo.