Tribuna

O gabán dos afectos

No Día Internacional da Lingua Materna —proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 coa fin de promover o pluralismo lingüístico e a diversidade cultural—, ocórrenseme algunhas preguntas ao respecto: Somos quen de saber en que lingua soñamos? A resposta ten que ver co concepto de lingua materna? A lingua materna é sempre a inicial ou pode mudar? É aquela que máis usamos? É a que queda para sempre habitándonos? Talvez, a que nos sae de maneira espontánea? Goza, esta, dunha proporcionalidade directa coa competencia lingüística? Todas as persoas comprometidas coa lingua galega chegamos á convicción da riqueza cultural que supón termos unha lingua de noso da mesma maneira?

Dado que a miña traxectoria profesional estivo, e segue a estar, moi ligada á infancia, véñenme á cabeza algunhas lembranzas que, coma refachos de vento, cambian de dirección e sentido desordenadas...

Finais dos anos cincuenta, primeiros dos sesenta. A señora Aurora a Rosquilleira sabía ler nas melancolías, nos silencios, na velocidade do vento, no madurar das cereixas..., pero non descifraba os códigos escritos. Eu, coma tantos e tantas do meu tempo, líalle as cartas que, en castelán, lle enviaba un fillo dende a outra beira do océano. Ela falaba exclusivamente en galego, sen que aquelas novas contadas nesoutra lingua deixasen de a emocionar ata a medula. Outras veces tocábame escribir o que a señora Aurora me ía ditando, en galego, acompañando a voz de suspiros. Eu, nunha tradución automática, ía escribindo en castelán con “naturalidade”, “o galego non nacera para ser escrito”. Na miña casa falábase galego, mais eu, dende que comecei a ir á escola, e pola conta que me tiña -gustábame oír aquilo de “¡Qué bien habla esta niña!”-, empecei a usar exclusivamente o castelán (nada novo naquel tempo e naquel ambiente). Paseniño fun adquirindo máis competencia no manexo do castelán ca do galego. En castelán non só falaba fóra da casa, senón que lía, escribía, estudaba, xogaba, socializábame... A lingua materna da señora Aurora era a galega, a miña, aínda que con conflito diglósico, tamén. Pero, e a do fillo, que marchara con dezasete anos e non volvera pronunciar unha palabra en galego? Intúo que si, aínda que a competencia minguase. Talvez aquelas palabras da nenez continuaron tatuadas por sempre nun recuncho da súa pel de dentro. A lingua dos afectos, ese gabán...

Manohar, un neno de pel chocolate e ollos de intenso acibeche chegou da India, con cinco anos. Expresábase nunha das moitas linguas hindús non oficiais -quizais en dogri, bodo, asamés...- que nin a súa nai nin o seu pai adoptivos dominaban. Foi unha inmersión total noutra lingua enchoupada de afectos que o arrouparon dende o principio. A primeira lingua que no seu día dominara foise esvaendo ata desaparecer, non levaba ese gabán...

Makanaky chegou a Marín dende Suráfrica co seu pai, que se fixo mariñeiro -un recordo conmovido para os mariñeiros do Villa de Pitanxo-. Makanaky tiña daquela dez anos de idade, agora está a piques de facer trinta. Atopeino pola rúa e, ademais de me dar unha efusiva aperta, faloume nun perfecto galego. Con todo, eu sei que a súa lingua materna é outra porque, con doce anos, fora alumno meu de primeiro da ESO no IES Illa de Tambo de Marín e, alí, descubrino. Daquela, por tristes razóns obvias, xa tiña certa competencia en castelán, pero apenas comprendía o galego. Un día de febreiro festexabamos o aniversario do nacemento da nosa poeta nacional, como o volverán facer en todos os centros de ensino nun par de días. A clase ía de poemas musicados e, despois de escoitarmos "Negra Sombra", "Campanas de Bastabales" e algúns outros na voz de Amancio Prada, despois do "Adiós ríos, adiós fontes", de Luís Emilio Batallán..., Rosalía obrou o prodixio: Makanaky ergueuse e arrincou a cantar. As súas mans eran pólas de abeleira movidas pola brisa da súa voz. Facíao nunha lingua descoñecida para nós, pero aqueles ollos humedecéndoselle e aquel final coas mans cruzadas diante do peito, coma un himno, provocou un silencio sonoro na aula. Makanaky cantou na súa lingua materna, que segue a ser o seu gabán. Con todo, normalizou o galego como idioma no que se desenvolve socialmente, convencido de que é o gabán máis axeitado para vivir en Galicia.

A lingua é a roupa que utilizan as palabras nun determinado lugar, adaptada a cada clima para darlle identidade; non deberiamos deixar morrer ningunha delas. Cada un, cada unha de nós, chegou dunha maneira diferente á lingua galega; as circunstancias de cadaquén son variadas, mais o que importa é ese punto de encontro no que confluímos para nos comprometer en coñecela, utilizala, defendela e convertela no noso gabán.

Non caben aquí, nin sabería expoñer, os múltiples camiños que nos fan amar ou rexeitar a nosa lingua. Porén, estou convencida de que no magnífico volume do lingüista e investigador Henrique Monteagudo1 atoparemos todas as respostas. Recoñecerémonos individualmente nalgunha das diferentes situacións que, tras anos de investigación, expón o autor. Os vieiros son infinitos, o caso é levar enriba ese gabán dos afectos que nos acubilla.

1 O idioma galego no baixo franquismo. Da resistencia á normalización. Editorial Galaxia 2021

Fina Casalderrey