Letras galegas 2020

O epistolario de Carballo Calero e Otero Pedrayo, un diálogo entre dous grandes

Ricardo Carballo Calero (1910-1990) coñeceu a Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) na primavera de 1927, cando con só 16 anos escoitou o escritor ourensán na Festa da Prosa celebrada en Santiago de Compostela. O admirado intelectual galeguista e o novo membro do Seminario de Estudos Galegos cadrarían en diante en actos culturais e políticos e irían afianzando unha amizade que se estendeu ata o pasamento do primeiro, en 1976. O epistolario cruzado destes dous grandes da cultura galega, editado pola Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas 2020 dedicado ao autor ferrolán, permite profundar na relación que retomaron tras a Guerra Civil, mais ofrece tamén información de primeira man para coñecer a intrahistoria da cultura de Galicia e de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Editorial Galaxia ou a propia RAG, da que ambos foron membros de número. 

Ramón Otero Pedrayo na coroacion poética de Ramón Cabanillas (Arquivo Camilo Agrasar Vidal) e Ricardo Carballo Calero Fonte: imaxe de Moncho Rama

O volume Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo foi presentado hoxe no Parlamento de Galicia, onde se conservan, no arquivo persoal de Ricardo Carballo, as misivas que recibiu de Pedrayo. O epistolario —publicado coa colaboración do propio Parlamento e da Consellería de Cultura— complétase coas que aquel lle mandou a este, custodiadas na Fundación Penzol, e suma en total 167 textos datados entre 1949 e 1974, editados por Patricia Arias Chachero, Adrián Estévez Iglesias e Nélida Cosme. Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez Iglesias asinan ademais o estudo introdutorio e as notas do libro, coordinado polo académico Henrique Monteagudo.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentou o epistolario no Hórreo xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; Victoria Carballo-Calero, filla do protagonista das Letras Galegas 2020; Román Rodríguez, titular da Consellería de Cultura; Henrique Monteagudo e Patricia Arias Chachero.

Víctor F. Freixanes salienta a importancia das cartas para entender a historia e, sobre todo, a intrahistoria, “esa parte do iceberg que case sempre permanece debaixo da superficie da auga e que non conta, mais que explica moitas cousas”. Deste xeito, “a través deste diálogo entre dous xigantes podemos reconstruír, ou cando menos enriquecer, algúns capítulos significativos na historia da cultura galega do pasado século XX”, engade o presidente da RAG. A figura de Carballo Calero representa moi ben o traballo xeneroso dos que Luís Seoane denominou “heroes silenciosos, a resistencia galeguista nos tempos da represión e a ditadura”, destaca o presidente da Academia. Daquela Otero Pedrayo era “o patriarca indiscutible, referente para as vellas e as novas xeracións que, malia todo, non renunciaban ao futuro e mantiñan viva a esperanza”.

O presidente do Parlamento de Galicia Santalices Vieira afirma na mesma liña que o presentado hoxe é un libro “necesario e esclarecedor” que homenaxea a “dous grandes persoeiros da nosa historia contemporánea”.

Dos proxectos culturais compartidos á vida persoal

O intercambio de documentación e comentarios a través das cartas que se escribiron “falan alto e claro da entrega e compromiso destes dous intelectuais naqueles difíciles anos de renacer cultural”, subliñan na mesma liña Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez. E tamén axuda a afondar nas súas propias vidas e no seu pensamento, nas súas preocupacións. O epistolario arrinca en 1949, anos despois de que Carballo Calero saíse de prisión e cando aínda residía en Ferrol tratando de subsistir como profesor en academias privadas tras ser inhabilitado polo réxime franquista para acceder a empregos públicos. “Vostede ten a elegante e caridosa condescendencia de me dicir que lle fale dos meus proxectos literarios. Non teño ningún. A penuria e inseguridade da miña vida económica, cada intre máis urxentes, obríganme a me abster de todo traballo que non poida trocar en diñeiro. Hai tempo, pois, que non escribo”, cóntalle o 25 de xuño de 1949 a Otero Pedrayo. 

Noutra misiva de 1950, Carballo Calero refírese á significación que supuxo que don Ramón –apartado ata 1948 da súa cátedra no Instituto de Ourense¬ acadase na primavera dese ano a cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela: “Como tantos outros galegos, como todos os galegos, teño seguido con emoción as súas oposicións á cadeira compostelá a través das noticias da prensa. Pola de hoxe coñezo o seu trunfo e quero dicirlle canto me alegro. Oxalá tanto como o catedrático merece a cadeira, merecera a Universidade ao catedrático. Realmente, que vostede estivera dentro dela era o único medio de que ela non estivera fóra de nós”. En 1972, Carballo Calero, tamén pasados os 60 anos, sería o protagonista doutro fito persoal e colectivo ao se converter no primeiro catedrático de lingua e literatura galegas da USC.

O académico Xesús Alonso Montero, que participa na publicación cun limiar, pon o acento no pronome final da cita anterior: “Emociona este ‘nós’, con música de Preguerra e non alleo ó Nós da revista Nós. En realidade, estamos ante unhas palabras non exentas de contido político galeguista, contido que só moi sagaces funcionarios da censura captarían”. Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez tamén lembran o vencello dos dous vellos amigos coa revista que abriu Galicia á modernidade, da que en 2020 se celebrou o centenario.

“Teño unha fonda pena por Castelao, váisenos o símbolo”

A xeración Nós tamén está presente nas cartas a través das mencións a figuras como Castelao, Cuevillas ou Vicente Risco. Nas primeiras misivas don Ramón dá conta do delicado estado de saúde do escritor e artista rianxeiro, que morrerá en Buenos Aires a comezos de 1950: “Teño unha fonda pena por Castelao. Vaille moi mal e sofre moito. Con el, pros do seu tempo, arredor dos 60, váisenos o símbolo, a alegría e o consolo do noso vivir e mocidade. Xa o terei ó cabo do que aconteza”.

A derradeira carta do epistolario asínaa Otero Pedrayo o 16 outubro de 1974, desta volta preocupado pola saúde da súa dona, Josefina Bustamante, Fita: “(...) coa doenza de Fita ando medio aqueloutrado polos camiños das horas. Ela vai mellor, mais eu levo no corazón un glaciar de medo”, lamenta. Ela falecería o 8 de abril de 1975. El un ano e dous días despois.

A estima e a admiración mutua entre os dous intelectuais é evidente ao longo de centos de liñas nas que se aprecia como o trato persoal devén nunha relación de amizade. Son, de feito, frecuentes as referencias ás súas respectivas parellas, a propia Josefina Bustamente e María Ignacia Ramos, así como á nai de Ramón e ás fillas de Ricardo, “mulleres todas elas que xogaron un forte papel á hora de que os polígrafos puidesen levar adiante as súas múltiples angueiras”, apuntan Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez. A correspondencia deixa así constancia da axuda que as fillas de Carballo Calero lle prestaron no proceso de elaboración da súa magna Historia da literatura galega contemporánea, mencionada por primeira vez no epistolario por Otero Pedrayo o día de Aninovo de 1957: “Os amigos estamos cheos de ledicia sabendo que Carballo Calero compón unha historia da nosa literatura galega. Ha ser cousa ben alicerzada e seus outos curutos non han inspirar desconfianza ás nubes vagarosas da intuición”. 

Historia da literatura galega contemporánea, publicada por primeira vez en 1963, converteríase nun manual imprescindible para os estudantes universitarios de filoloxía galega e estableceu o canon clásico das nosas letras. O traballo nesta e noutras obras sobre lingua e literatura, xunto coas súas obrigas docentes, non lle deixarían moito vagar a Carballo Calero para a creación literaria, unha preocupación que emerxe en distintas pasaxes do epistolario. Así e todo, sacaría tempo para escribir poesía, teatro e novelas recoñecidas pola crítica e o público. As cartas que vén agora a luz en Polos camiños das horas confirman que o protagonista do Día das Letras Galegas 2020 foi tamén un excelente epistológrafo, conclúe Xesús Alonso Montero.