O Dicionario renova a súa imaxe e incorpora a busca por categoría gramatical

A Real Academia Galega está de estrea na Rede. A páxina web da institución, academia.gal, dálles a benvida aos usuarios e usuarias nunha portada renovada concibida para facer  máis sinxelo e atractivo o acceso aos distintos recursos divulgativos e orientados ao público investigador. A nova imaxe tamén atinxe o Dicionario, que gaña visibilidade na páxina de inicio e incorpora ademais as categorías gramaticais ao menú de buscas avanzadas.

A función de procuras por marcas gramaticais súmase a outras utilidades como o conxugador de verbos ou a aplicación que ofrece a pronuncia de cada entrada. Distingue máis de trinta categorías, dende os adverbios e os adxectivos ata as conxuncións e os verbos, que se poden combinar coas demais opcións de buscas avanzadas: as procuras nos lemas, tendo en conta os grupos de letras polos que comezan ou rematan, e mais as que atinxen ao contido das entradas. Estas últimas tamén se enriquecen, xa que á posibilidade de realizalas nas definicións e nos exemplos engádese a opción de procuralas na fraseoloxía.

A nova sección do Dicionario suxire ademais outros recursos dixitais lexicográficos para a resolución de dúbidas: o Dicionario de dicionarios, unha colección de obras lexicográficas galegas dos séculos XIX e XX, recompiladas e transcritas baixo a coordinación do académico Antón Santamarina; e mais o TERGAL, o banco de datos terminolóxicos das linguas de especialidade, dirixido polo tamén académico Manuel González.

A páxina web da Real Academia Galega avanzou a súa nova imaxe na Rede o pasado outono dende o sitio das Letras Galegas e o espazo de comunicación, un deseño que agora se estende a outras seccións e que nos vindeiros meses servirá tamén para presentar novas propostas para a difusión do patrimonio lingüístico, bibliográfico e arquivístico que coida a institución.