O concurso Contádenos o voso Día das Letras amosa o traballo arredor de Xela Arias de cento vinte e cinco colexios

Cento vinte e cinco centros educativos de toda Galicia participaron na última edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado pola Real Academia Galega ao abeiro do proxecto Primavera das Letras. Cancións, bailes, obras de teatro, obradoiros de poesía, programas de radio, crebacabezas ou debuxos son só algunhas das propostas arredor da vida e da obra de Xela Arias desenvolvidas polo alumnado dos colexios participantes. Todas elas están xa recollidas na páxina web primaveradasletras.gal

A RAG resolverá o concurso nas vindeiras semanas. Os centros educativos gañadores recibirán lotes de libros e material de Primavera das Letras e todos os participantes serán recoñecidos tamén cun diploma acreditativo.

O certame Contádenos o voso Día das Letras creouse no ano 2017 co obxectivo de coñecer e de difundir como celebran o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade e premiar a súa implicación na divulgación da lingua e a cultura galegas. A iniciativa insírese no proxecto Primavera das Letras. Desde 2016 esta web fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos que permiten traballar competencias e contidos de distintos eidos, desde o medio natural e a historia ata a expresión plástica.