Letras galegas 2020

O Colexio Fingoi acolle a presentación dunha exposición sobre os quince anos de Carballo Calero en Lugo

Entre 1950 e 1965, Ricardo Carballo Calero residiu en Lugo, a onde se trasladou para dirixir o Colexio Fingoi, unha institución educativa que apostou pola innovación e un ensino máis racional en pleno franquismo. O centro acolleu este mércores a inauguración dunha exposición que lembra os quince anos do protagonista do Día das Letras Galegas na cidade, unha etapa fecunda na que que publicou, entre outras obras, a Historia da Literatura Galega Contemporánea, recordou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. A Academia tamén prestará atención este ano á relación de Carballo Calero con Fingoi e Lugo e ten previsto celebrar un encontro neste colexio no que se profundará nesta etapa e na súa obra.

A exposición Don Ricardo de Fingoi, elaborada polo Colectivo Egeria, complétase coa web https://carballocaleroenlugo.org/. A mostra conta co apoio da Consellería de Cultura e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio Fingoi. O presidente da RAG salientou a importancia da etapa luguesa no labor filolóxico e creativo de Ricardo Carballo Calero, mais tamén a figura do fundador do centro educativo, o empresario galeguista Antonio Fernández López, "mecenas de moitos proxectos culturais dos anos 50 e 60". "É preciso recuperar nomes coma o seu, das persoas que dende as industrias culturais fan posible que saian adiante iniciativas que doutra maneira non o conseguirían", salientou Víctor F. Freixanes.

O presidente da Academia participou na inauguración da mostra xunto ao seu coordinador, Xulio Xiz; Margarita Carballo, filla do homenaxeado; Asunción Fernández e Pilar Martínez Conde Pilocha, directora e profesora de canto do colexio, respectivamente; María Dolores Fernández, alumna de Carballo Calero neste centro e posteriormente compañeira del na Universidade de Santiago de Compostela; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Jacobo Cela, neto de Ricardo Carballo Calero, interpretou unha peza ao violín nun acto que foi tamén amenizado polos Gaiteiros de Fingoi dirixidos por Pepe Vaamonde.