O ‘Boletín da Real Academia Galega’ recompila dezasete achegas do Ano Carballo Calero

O Boletín da Real Academia Galega nº381 xa está dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. O último volume recolle as achegas arredor da vida e da obra de Ricardo Carballo Calero presentadas no simposio e mais no pleno extraordinario da institución con motivo do Día das Letras Galegas 2020, entre outras contribucións sobre o autor homenaxeado pola Academia. O BRAG deixa constancia tamén da despedida da académica Luz Poz Garza (1922-2020), cuxo figura glosan Salvador García-Bodaño e Olivia Rodríguez; e do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), ao que lle dá o adeus Ramón Lorenzo.

As achegas dos relatores e relatoras do Simposio Ricardo Carballo Calero / Carvalho Calero, celebrado o pasado mes de outubro na sede da Real Academia Galega, abren o último número do BRAG. Son en total unha ducia de artigos correspondentes aos relatorios presentados nas catro xornadas do encontro, que arrincaron cun traballo de contextualización da figura de Ricardo Carballo Calero no seu tempo a cargo do historiador Justo Beramendi e os filólogos José-Martinho Montero Santalha e Carmen Blanco.

Dolores Vilavedra, Alberte Valverde e María Pilar García Negro participan no volume coas tres investigacións avanzadas no encontro arredor dos estudos sobre literatura de quen foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela; Pilar Pallarés, Laura Tato Fontaíña e Henrique Rabuñal profundan na súa creación literaria e Henrique Monteagudo, Serafín Alonso Pintos e Eduardo Maragoto abordan as súas ideas e achegas ao idioma.

A segunda parte do Boletín 381 reproduce as alocucións académicas pronunciadas por Margarita Ledo Andión, Ramón Villares Paz e Francisco Fernández Rei no pleno extraordinario do Día das Letras Galegas 2020, que tivo adiarse ata o 12 de decembro por mor da pandemia. 

O volume tamén recolle un estudo de Xosé Manuel Vélez Latorre sobre a tradición bíblica na poesía do homenaxeado, con comentario de cinco poemas; e a proposta de reforma das Normas ortográficas e morfolóxicas da Real Academia Galega (1970-1971) presentada por Ricardo Carballo Calero en 1979, cunha reconstrución dos antecedentes da mesma asinada polo académico Henrique Monteagudo.