Letras galegas 2020

O Auditorio de Galicia acolle a exposición 'Carvalho Calero. A voz presente'

O Auditorio de Galicia acollerá ata o vindeiro 7 de marzo a exposición Ricardo Carvalho Calero. A voz presente. A mostra, da que son comisarios os profesores Carlos Quiroga e José Luís Rodríguez, foi inaugurada este xoves.

Pola esquerda, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o alcalde de Santiago e a concelleira de Acción Cultural, Xosé Sánchez Bugallo e Mercedes Rosón; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e a presidenta da Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración da exposición. Fonte: Xunta de Galicia

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na apertura da exposición, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2020. O proxecto expositivo presenta a figura, a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero a través dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo, accesible en código QR para adaptalo ás medidas de seguridade sanitaria de prevención da covid-19.