O alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo coñece a Real Academia Galega

Tras dous cursos sen visita escolar a Galicia por mor da pandemia, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo volve estar presente estes días en Galicia. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, recibiu, como xa é tradición, o grupo de alumnos e alumnas que están a coñecer distintos puntos do territorio galego, acompañados desta volta polas profesoras Ángeles Sananez e Vanesa Soledad Herlein.

Víctor F. Freixanes conversou con eles sobre as súas impresións sobre Galicia e a cultura do país e expresoulles a súa admiración polo proxecto educativo do instituto bonaerense. O centro educativo transmite a lingua e a cultura galega ás novas xeracións con raíces en Galicia, pero tamén a mozas e mozos con orixes en países tan diferentes como A India, Paraguai, Siria, Italia ou Rumanía.

A escritora María Canosa aproveitou a recepción na RAG para saudar o alumnado que coñecera nunha visita ao instituto.