Tribuna

No centenario de Vento mareiro

Despois de traballar como oficial de contabilidade dez anos no concello de Cambados, Ramón Cabanillas emigra a Cuba no 1910 para fuxir da persecución a que o someteran por republicano e anticaciquil, como lle confesaría no 1934 ó seu amigo Otero Pedrayo. Fuxía da presión ambiental da vila natal, que contaba cunha poderosa e inmobilista curia xudicial que, como se dicía no primeiro número do quincenario El Umia (1907) que fundou e dirixiu Cabanillas, "no es una fuerza creadora sino un corrosivo que ataca todas las sustancias".

En El Umia aparece por vez primeira o Cabanillas anticaciquil e vagamente agrario. O ano de marchar para Cuba fundou, tamén en Cambados, o xornal El Cometa, onde se adhire á causa redencionista e anticaciquil do sindicato agrario Acción Gallega, que creara o crego ourensán Basilio Álvarez, autor do limiar do seu primeiro poemario, No desterro (La Habana 1913), o que contribuíu á súa difusión. Basilio dicía que xa se encontrara "al gran poeta que nos llevaron el día que enterraron a Curros"; con todo, o eco da poesía civil deste só se percibe en "Camiño adiante" e en poucos poemas, pois na obra predomina un lirismo neorromántico rosaliano con mostras da estética modernista que chegará ata Samos, derradeira obra de Cabanillas.

O 1 de marzo do 1915 publícase, tamén en La Habana, Vento mareiro, que dedica ó seu "Cambados, probe e fidalgo e soñador". O título deste poemario fai referencia ó ventiño mareiro, tan popular en Cambados, sobre todo entre xente mariñeira, para designar a brisa maina e agarimosa, que en días de primavera e de verán –e do mediodía ó solpor– chega do Barbanza á beiramar cambadesa despois de zoar nas candeas dos piñeiros de Traghove.

Na obra hai lirismo, sentimentalismo, costumismo, modernismo, saudosismo e civismo. En "Sono dourado" gaba a vida retirada e a vida campesiña, en coherencia coa súa ideoloxía agrarista, mentres que noutros poemas Cabanillas é portavoz cívico do ideario agrarista, como no himno "Acción Gallega", "A un cacique", "A fouce esquecida" ou "Lume no pazo". A fouce era o máximo símbolo da loita campesiña e o lume era outro símbolo do enfrontamento aberto entre o poder e o escravizado campesiñado.

Este Cabanillas combativo convive en Vento mareiro co modernista das composicións "Da traxedia de Pierrot" ou "Á sombra do Pinal" –canto ó zoador e barulleiro piñeiral de Tragove, enraizado nas laxes fendidas da beiramar–, e coa sentimentalidade tardorromántica dos liviáns poemas agrupados en "Pombas feridas", no ronsel da Rosalía que bebe no lied xermánico e na poesía de Heine. Unha das composicións coa maior concentración lírica do poemario é "Camiño longo":

Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día…
camiño longo
da miña vida!

A aparición de No desterro e, sobre todo de Vento mareiro, constituíu un alivio e unha esperanza para a elite do incipiente nacionalismo galego, porque a súa estética moderna e universal "aggiornaba" a linguaxe poética galega. Con 36 anos cando publica No desterro, Cabanillas era o "poeta arelado", segundo Antón Villar Ponte, que salientou o seu papel de introdutor das letras galegas no sistema literario do momento.

Álvaro Cunqueiro, ó ingresar na Real Academia Galega para ocupar a cadeira de Cabanillas, facía esta semblanza do vate nado "o día 3 de Sanxuán do 1876, nunha casiña vella e probe, con patín, (..) na viliña de Fefiñáns, oxe axugada á vila de Cambados":

Foi un gran poeta. Cantóu o país seu na lingua propia, perpetuamente fresca, como erba de vran. Cantóu os santos, os héroes, os amadores, os mariñeiros, os labregos, os mendiños, as rosas, o viño, os piñeiros, o mar, e tamén a espranza humá, e os soños. Era un poeta dunha calidade máis antiga da que agora se leva. Foi o derradeiro, antre os grandes poetas galegos, en empregar pra decir a poesía voces case sacramentáis, xeitos solenes e vaticinios. Díxolle ao seu pobo fermosos cantos, unhas veces irados, outras entusasmados, e tamén íntimas confesións de corazón a corazón, e sempre pasmando a todos coa beleza descoberta no ácio, na roseira, no vento, no silencio, como un soño de pombas do seu Cambados.

Francisco Fernández Rei
Membro de número da Academia