Marilar Aleixandre recolle o Premio Porteiro Garea de normalización do galego na universidade

A académica Marilar Aleixandre recolleu este xoves, Día Europeo das Liguas, o VII Premio Luís Porteiro Garea, o galardón co que a Universidade de Santiago de Compostela recoñece o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego no ámbito universitario. “Aprender, falar, ensinar e escribir en galego era unha forma de resistencia á ditadura franquista que o prohibía e éo agora ás correntes reaccionarias que pretenden dar marcha atrás ao reloxo da historia”, expresou a profesora ad honorem, natural de Madrid e residente en Galicia dende os anos 70.

Marilar Aleixandre pronunciando o seu discurso na cerimonia da entrega do Premio Lois Porteiro Garea. Autor: Santi Alvite / USC

“Escribir en galego vivindo en Galicia é pois un acto político de resistencia e tamén un acto de amor”, expresou a arquiveira-bibliotecaria da RAG, quen foi ata a súa xubilación catedrática de Didáctica das Ciencias da USC. “Non hai linguas superiores ou máis fermosas que outras, todas son fermosas, posúen valores estéticos e patrimoniais, merecen ser preservadas, coñecidas e faladas”, engadiu.

 O reitor Antonio López salientou a traxectoria académica, literaria e persoal de Marilar Aleixandre como exemplo de inserción nunha lingua e nunha cultura coma a galega, conseguindo ademais “abrirlle camiño ao galego no ámbito das ciencias”. 

En representación da Academia asistiu ao acto a secretaria da institución, Margarita Ledo. A cineasta foi na pasada edición a primeira muller en recibir o Premio Luís Porteiro Garea.