Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo abordan en Dinamarca a violencia simbólica sobre as mulleres e o galego

A Universidade de Copenhagen celebrou esta semana un encontro sobre a lingua e a literatura galegas protagonizado pola directora da Sección de Literatura e o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo abordaron a violencia simbólica sobre as mulleres e a lingua galega, respectivamente, na mesa redonda que compartiron na capital danesa convidados polo departamento de Estudos Ibéricos da institución.

Os dous membros da RAG afondaron en dous temas que atinxen a cerna de dúas das súas últimas obras. Marilar Aleixandre profundou na violencia social e simbólica exercida sobre o corpo e a mente das mulleres, un aspecto central d’As malas mulleres, novela pola que foi recoñecida co Premio Nacional de Literatura 2023; e Henrique Monteagudo repasou pola súa banda a represión lingüística exercida pola ditadura, á que lle dedicou o volume O idioma galego baixo o franquismo.

A xornada dedicada á lingua e á literatura galegas continuou no Det Danske Filminstitut, onde Marilar Aleixandre presentou As malas mulleres nunha tarde que concluíu coa proxección da película As bestas de Rodrigo Sorogoyen.