Manuel Rivas, distinguido nos Premios da Crítica de Galicia por ‘O que fica fóra’

O que fica fóra de Manuel Rivas é a obra gañadora dos últimos Premios da Crítica de Galicia na modalidade de creación literaria. O xurado salientou que este libro alfaia dálle a volta á lingua e á realidade “para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras”. 

Os galardóns recoñeceron tamén a Xavier R Madriñán co premio de investigación por A figura galega en Irlanda (1840-1936), a Ugia Pedreira (premio da música), Mónica Alonso (artes plásticas) e María Varela (cultura gastronómica), a obra de teatro N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere (artes escénicas), a distribuidora de cine independente Atalante (cine e artes audiovisuais) e á investigación do Paleolítico das Serras Orientais que se desenvolve na cova Eirós (premio de iniciativas culturais e científicas).

O ditame dos XLV Premios da Crítica de Galicia deuse a coñecer o sábado 19 de novembro nun acto celebrado en Vigo baixo o lema Galicia é infinda, un dos versos do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, ao que a Real Academia Galega lle rendeu homenaxe este ano dedicándolle o Día das Letras Galegas 2022.