Manuel Outeiriño sobre Vidal Bolaño

Manuel Outeiriño (Ourense, 1962) é profesor na Facultade de Xornalismo da USC, poeta, ensaísta, tradutor e membro do consello de redacción da revista A Trabe de Ouro.
Maneul Outeiriño
Manuel Outeiriño

Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
A obra de Vidal ten distintos períodos. Amosouno moi ben Xosé Manuel Fernández Castro no libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (Compostela, Laiovento, 2011). Sen pretender modificar nada do exposto por Fernández, evocando só o que vin en escena dende fins dos setenta, podo evocar obras alegóricas coma Laudamuco, señor de ningures, outras de estética realista coma Saxo Tenor, Integral ou Rastros, e un terceiro tipo de textos de materia histórica criticamente revisada. como é o caso de Agasallo de sombras ou As actas escuras. Son ben consciente de que é simplificador evocar a diversidade da obra de Vidal mencionando só obras alegóricas, realistas e históricas. Se penso en Integral, entendo que ten moito de realista, mais tamén parece estar composta con elementos de teatro do absurdo. Poño por caso a camareira amnésica que, non sei ben por qué, faime pensar n´A leccion de Ionesco.

Para falar cas características da obra de Vidal, cómpre ter en conta os distintos períodos. Cando escribíu Laudamuco, ó pouco de morrer Franco, tiña razóns sobradas para escribir alegóricamente. Cando escribíu teatro realista, quizais quería facer contrapunto á compracencia onírica e formalista de moita arte escénica dos oitenta. Cando escribíu as breves escenas de Animaliños, combinou o realismo, exercico serial e distanciador e ironía pedagóxica. Sexa como for, coido que unha característica común ós distintos períodos da obra de Vidal é a de facer da escritura teatral intrumento de crítica.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Moita. Abonda con ver a lapela do primeiro volume das Obras Completas pulcramente editadas por Positivas e reparar na extensión e variedade dos traballos do compostelán. Ora ben, Roberto non só foi autor, senón tamén actor, director, xestor e guionista de cine e tele. Para entender a magnitude da súa figura, remito ó libro de Fernández Castro.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Plena. En moitos casos, a vixencia débese a que as escenas de Roberto Vidal representan a historia dos que non teñen historia.