Lourenzá acolle a apertura do Ano Fernández del Riego, “corazón, músculo e pulmón” da cultura galega

Lourenzá acolleu este 7 de xaneiro a apertura do Ano Francisco Fernández del Riego cadrando co que sería o 110 aniversario do seu veciño máis ilustre. A Mesa Coordinadora don Paco organizou esta primeira homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas 2023 que a Real Academia Galega lle dedicará a quen foi “corazón, músculo e pulmón da cultura galega”, retratou o presidente da institución. Víctor F. Freixanes participou no acto inaugural celebrado no concello laurentino, a poucos metros do que foi o primeiro fogar do intelectual, que continuou coa inauguración da exposición 110 anos de Del Riego e a presentación dun calendario biográfico. A festa rematou no multiusos Ponte de Cuñas cun concerto de música antiga de Grupo 1500 e coa actuación do grupo da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez.

Víctor F. Freixanes salientou na súa intervención a importancia que ten a figura de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) para a cultura galega ao longo da segunda metade do século XX. “É unha referencia fundamental para todos nós, parte dese grupo de persoas que dende o exilio interior mantiveron acesa a dignidade e a esperanza. Todos somos fillos e continuadores deles”, destacou o presidente da RAG nunha cita na que compartiu mesa coa anfitrioa da celebración, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

“Don Paco foi o mellor embaixador do noso pobo”, definiu a rexedora, que lembrou que Del Riego, con só 18 anos, pronunciou o 25 de xullo de 1931 o seu primeiro discurso galeguista en público dende o balcón do pazo consistorial. 

O presidente da RAG agradeceu a implicación e o entusiasmo da veciñanza de Lourenzá na celebración do ano que comeza, no que a institución estará moi presente na terra natal do editor, ensaísta e crítico literario, cofundador da editorial Galaxia e promotor de moitas outras iniciativas de a prol da lingua e da cultura galegas.

A Real Academia Galega ten previsto iniciativas de divulgación da figura e do legado de don Paco dirixidas a públicos de distintas idades. A institución volverá proximamente a Lourenzá para presentar a nova edición de Primavera das Letras –o proxecto que dedica ao público infantil¬ na que a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo son as encargadas de contarlles aos pequenos e pequenas da casa a vida do homenaxeado. Tamén producirá, da man de Miramemira, unha serie documental web sobre o autor e editará a súa correspondencia con Ramón Otero Pedrayo, ademais de celebrar o habitual simposio das Letras Galegas tras o verán.