Henrique Rabuñal responde ao Cuestionario Vidal Bolaño

O profesor Henrique Rabuñal (Arteixo, 1962) é autor dunha extensa obra na que conflúen creación e crítica. A súa tese doutoral, Textos e contextos do teatro galego (1994), constitúe hoxe unha obra de referencia no eido dos estudos teatrais.
O escritor e crítico Henrique Rabuñal
O escritor e crítico Henrique Rabuñal

Que características definen, ao teu parecer, a obra de Vidal Bolaño?
Tratándose dunha obra moi extensa, moi complexa e canonizada, resulta difícil establecer con brevidade unha ollada globalizadora sobre ela. Dito iso, a obra de Vidal Bolaño, unha das máis ricas e orixinais de toda a historia do noso teatro, presenta na nosa opinión estas características:

a) A súa inserción plena e consciente nos problemas –nos devezos e nos soños- dunha nación particular -a nosa- e do ser humano de hoxe, tomando partido, mollándose ata límites infrecuentes, apreixando a realidade social e investigando asuntos determinantes: a destrución da identidade e da diferenza, a agresión a un modelo social, económico e cultural, as múltiples formas de alienación –a idiomática sería un síntoma e un exemplo paradigmático-, a análise do exercicio tiránico, corrupto e antidemocrático do poder e dos poderes -en particular o relixioso- o interese polas clases populares e desfavorecidas e mesmo por persoas que habitan ese universo dramático da marxinalidade, a desigualdade e a inxustiza, o establecemento da arte e da fantasía creadora como un espazo no que exercer a liberdade transformadora, a defensa da verdade científica, a indagación sobre os límites e as posibilidades da arte teatral, unha certa ollada sobre Compostela e a súa historia, unha simbiose entre o máis folclórico e popular co máis exquisito e vangardista, unha vocación por dialogar con grandes figuras do teatro, unha defensa do humor como un camiño para mostrar algunhas das verdades ocultas, o aproveitamento de novas linguaxes como a cinematográfica ou a televisiva, un chamamento á necesidade dunha rebelión cívica contra a inxustiza ou unha certa visión liberalizadora da morte.

b) A confluencia no seu traballo da condición de autor, adaptador, versionador pero tamén a de actor, director, produtor, deseñador de iluminación, iluminador, escenógrafo... profesor por non falarmos do seu labor de crítico e estudoso e do seu quefacer no ámbito audiovisual (guionista, director artístico, dobrador, actor, etc).

c) O seu empeño pola consolidación dun teatro profesional e nacional galego que no seu caso deu lugar a centenares de funcións teatrais vistas por millares de espectadores e que lle permite transitar polo teatro independente, o profesional e o institucional.

c) A concepción do traballo colectivo na obra de teatro visando sempre a súa representación, o seu funcionamento escénico, a súa comuñón co segmento da cidadanía que acepta ser público.

d) A afirmación nacional de Galiza como un espazo simbólico, político, histórico e cultural con personalidade de seu, moitas veces ameazado e agredido no pasado e no presente, o que lle ofrece a oportunidade de visitar persoeiros (Rosalía), temas (emigración) e motivos (Compostela) da nosa vida nacional.

e) A indagación nos grandes temas da cultura, do teatro e da literatura universais: a morte, a identidade, o amor, a revolución, a integridade, a violencia, o poder ou a desigualdade investigando as formas de poder tiránico que lle tocou vivir (o franquismo, a pseudodemocracia) e, consecuentemente, as respostas de rebelión e de subversión que se lle poden e deben contrapoñer.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Poucos protagonistas dese noso teatro moderno concentran na súa biografía profesional e intelectual todas as caras da acción teatral ata o punto de, na nosa opinión, ser Roberto xa un clásico cuxo peso textual e espectacular vai medrando co paso do tempo, como ficará evidenciado neste bolañés ano 2013. Nin a existencia no conxunto dalgunha peza menor pode alterar esta evidencia. Tamén nos parece moi evidente que estamos diante dunha figura valente e comprometida con posicións ideolóxicas moi firmes e transparentes. Entendendo por teatro moderno o que nace co labor do teatro independente nos anos 60 e o que se consolida nas Mostras de Ribadavia e nos anos posteriores, parécenos incontestable a relevancia de Vidal Bolaño polo menos nas seguintes cuestións:

a) No que se veu chamando Teatro Independente que Vidal Bolaño encarna nas súas características estratéxicas: uso e defenda do galego, itinerancia, compromiso político e social, traballo colectivo, configuración dun novo público, experimentación técnica, renovación estética e temática, diálogo coa tradición teatral galega, progresiva depuración formal, etc. Antroido formará parte do Centro Coordinador do Teatro Galego (1976).

b) No seu protagonismo nas Mostras e nos Certames de Ribadavia nos que a súa obra é premiada e representada e ás que asiste como actor, director e produtor.

c) Na súa aposta pola profesionalización que o levou a fundar os grupos Teatro do Antroido, Teatro do Estaribel ou Teatro do Aquí alén de colaborar con outros (Chévere) e de promover a Asociación Profesional do Teatro Galego (1980). Tamén fundou Obradoiro e o Obradoiro de Aprendizaxe Teatral Antroido alén de colaborar con Lupa.

d) O seu traballo no chamado teatro institucional que encarnan primeiro o CDG e a seguir o IGAEM e que lle permite representar diversas obras propias (Agasallo de sombras, A burla do galo, Mar revolto) e realizar diversas funcións noutros espectáculos (no Hamlet, Salomé, Xelmírez, Rosalía).

d) O feito de a súa obra ser recoñecida con moitos galardóns. Como excelente e veterano escritor (a súa primeira obra, O xogadeiro, é de 1965) recibiu os premios O Facho, Medalla de Ouro de Valladolid, Álvaro Cunqueiro, Compostela, Rafael Dieste, Camiño de Santiago, María Casares, Eixo Atlántico, Max de Teatro para alén doutros na súa condición de iluminador, actor, director ou ao conxunto do seu labor teatral. Tamén recibiu o San Martiño de Normalización Lingüística e o Irmandade do Libro.

e) A súa presenza editorial con textos nas revistas As Marías, Revista Galega de Teatro, Casahamlet, Primer Acto, Cuadernos de Dramaturgia Contemporánea, Información Teatral, A Trabe de ouro, e en múltiplas editoriais: Pico Sacro, CDG, Follas Novas, Positivas, Xerais, Sotelo Blanco, Deputacion da Coruña, AS-PG, Embora, La Voz de Galicia ou Tris Tram.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Aínda que pareza casual penso que a obra de Vidal Bolaño e o conxunto do seu exemplo vital acaen como anel ao dedo aos tempos convulsos que vivimos, tan necesitados de artistas con talento e con coraxe que descubran o que está acontecendo. Se o contexto actual pode ser definido como un combate entre a tiranía e a democracia, entre a xustiza e a desigualdade, a obra de Vidal Bolaño lonxe de ser neutral ou espuria, é toda ela un testemuño de rebelión cívica e unha invitación a que verdadeiramente sexa o pobo quen máis ordene. Dito con outras palabras, o teatro de Roberto fainos entrar no debate público porque forma parte del, nos asuntos colectivos e ten por iso unha dimensión política polo que predica de nós os galegos e polo que propón para unha toma de conciencia que sexa finalmente liberadora. O seu teatro e o seu exemplo parecen convidarnos a perdermos o medo á liberdade, a combatermos todas as formas de tiranía, a buscarmos a verdade, a impedirmos a ruína da nosa nación, a non claudicarmos nunca, a non rirmos as grazas de quen perpetra, anima ou consente as agresións que padece a cidadanía. O mundo bolañés contén os desafíos e os problemas do noso tempo. Sendo a súa obra tan extensa e -no mellor sentido da palabra- tan polémica, no seu bosque textual e escénico acharemos de todo pero sen dúbida un dos fragmentos máis vivos e máis lúcidos do que aquí chamamos teatro moderno. Aquel mozo mangallón de Vista Alegre que se puxo a traballar cando agora os rapaces comezan a ESO acabou sendo un dos estandartes e actualizadores do teatro galego, un dos pesos pesados da nosa cultura contemporánea e a personalidade que por méritos propios ocupará a centralidade da nosa cultura no ano 2013. Parabéns aos membros da RAG que o fan posíbel.