“Na toponimia prodúcese o encontro entre dous ámbitos que moven a miña paixón, a terra e mais a lingua”

O filólogo e escritor Gonzalo Navaza ingresou este sábado na Real Academia Galega como membro de número cun discurso dedicado á toponimia da súa terra de Deza. O novo membro do pleno da institución profundou na orixe e no significado dos nomes de lugar, unha especialidade na que se iniciou nos anos 80 do século pasado e na que hoxe é un reputado especialista. E fíxoo centrándose nos antropónimos nos topónimos de Lalín, o concello onde naceu hai 65 anos, tras rememorar o proceso que, nos albores do Estado das autonomías, facilitou a restauración da toponimia deturpada secularmente. Nomes de persoa na toponimia de Lalín debulla máis de sesenta exemplos que son parte dun vasto patrimonio inmaterial da cultura galega cuxo valor vai alén do patrimonial. “A toponimia ten tamén para nós unha dimensión identitaria e emotiva. Nela prodúcese o encontro de dous ámbitos que moven a nosa paixón: a terra e mais a lingua”, salienta Gonzalo Navaza.

1/5

O novo académico leu o seu discurso na sede da Academia tras entrar acompañado por Ana Romaní e Ana Boullón, as dúas académicas de máis recente nomeamento, nun salón de actos ateigado de público. A sesión organizouse co apoio do Concello da Coruña.

Antón Santamarina foi o encargado de darlle resposta en representación da institución na sesión extraordinaria pública. O actual coordinador do Seminario de Onomástica da RAG foi quen hai xa máis de corenta anos lle propuxera facer o traballo de campo para corrixir a toponimia da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional da provincia de Ourense e das áreas limítrofes, unha encarga que o hoxe profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo asumiu no tempo libre que lle deixaba o seu traballo naquel momento como docente no ensino medio. “A experiencia foi para min un auténtico máster na aldea, daquela un desiderátum que Xesús Alonso Montero recomendaba para os profesores que inaugurabamos a presenza do galego como materia no ensino non universitario”, lembra Gonzalo Navaza.

Tras aqueles primeiros pasos, Gonzalo Navaza foi construíndo unha destacada traxectoria como especialista en toponimia, campo no que se doutorou en 1998 pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciara en 1979. Entre outros títulos, neste eido publicou Fitotoponimia galega (2006), unha obra monumental que xunta preto de 8000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas, galardoada co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021). É ademais parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos, membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica e dende 2012, ano no que foi nomeado académico correspondente da RAG, forma parte do Seminario de Onomástica.

As súas contribucións como filólogo tamén abranguen o campo literario, con achegas sobre Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas, e destaca ademais o seu notable traballo como tradutor de clásicos tanto do inglés (Jack London, Arthur Conan Doyle, Daniel Defoe, Robert Graves, entre outros) como do francés, idioma dende o que verteu ao galego As flores do mal de Baudelaire en versos cosonantes, coma no orixinal, subliña Antón Santamarina.

Cómpre lembrar ademais o labor que desempeñou como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, e como autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas. Pero Gonzalo Navaza é coñecido sobre todo polo gran público polo labor literario: como poeta colleitou distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998).

O novo académico ocupa a vacante producida tras o pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década, a quen lle dedicou o comezo da súa intervención. “Grazas á obra de Barreiro, temos hoxe unha visión diferente de moitos aspectos clave da nosa historia, como o protagonismo popular na guerra contra os franceses en Galicia, o dos liberais galegos na revolución que conduciu ao Trienio Liberal ou a importancia do levantamento de 1846 na xénese do galeguismo político. (...) Quen o tratou, ademais, pode dar fe da súa calidade humana”, glosou o seu sucesor na mesma cadeira.

A evolución dunha ciencia nova e a restauración dun patrimonio común
O seu discurso é o segundo de ingreso na RAG dedicado á toponimia. O primeiro, titulado La toponimia de Galicia, pronunciouno en 1926 Fernando Martínez Morás. E a comparación entre ambos dálle pé a Antón Santamarina para ofrecer na súa resposta un breve excurso historiográfico sobre a toponomástica galega na que salienta o avance desta ciencia nova e mais a calidade do traballo de Gonzalo Navaza. “É necesario ter en conta, máis na onomástica ca no vocabulario común, as formas antigas. Hoxe dispomos para Galicia de moita documentación medieval, latina e romance, e tamén máis moderna, onde documentar esas formas, e Navaza é particularmente habilidoso en exhumar testemuños que aparecen nas cartas ou na epigrafía”, gaba.

Na evolución da toponomástica en Galicia nas últimas décadas e no seu papel na recuperación dun patrimonio inmaterial particularmente rico no país céntrase a primeira parte do discurso de Gonzalo Navaza, que recorda o “altísimo grao de deturpación” que presentaba a toponimia galega nas fontes escritas e nas denominacións oficiais nos anos que seguiron o final da ditadura e no proceso de construción do Estado das autonomías, froito da “secular pretensión de acomodar á lingua castelá os nomes de lugar galegos”. O académico aplaude a “singularidade da autonomía galega” que supuxo conseguir a transferencia da toponimia ao ámbito autonómico e non ao municipal, como sucede noutros territorios do Estado, o que facilitou –considera– o establecemento de criterios rigorosos para a súa restitución.

“A deturpación afectaba a todos os planos da lingua: ao léxico, coa substitución dos topónimos galegos polo cognado castelán, cando existía (Otero por Outeiro, Villa por Vila...), á morfoloxía (Rubiana por Rubiá) e á fonoloxía (Ameijeira por Ameixeira, Requejo por Requeixo...). Foi unha enorme fortuna para a toponimia galega e para todos nós que no proceso de transición política se transferise ao goberno autónomo de Galicia a competencia no que se refire aos nomes dos núcleos de poboación”, reflexiona.

Gonzalo Navaza considera que neste proceso foi fundamental o papel de Xosé Antonio García Cotarelo, secretario xeral técnico da Consellaría de Presidencia en sucesivos gobernos na incipiente Xunta de Galicia, que logrou a transferencia da toponimia como competencia autonómica, “seguramente persuadido por Antón Santamarina e quizais por outras persoas das que integrarían a primeira Comisión de Toponimia”. “Deste xeito foi posible levar adiante un proceso de restauración con criterios científicos e uniformes e un principio de carácter xeral que establecía que a única forma oficial dun topónimo había de ser a súa forma galega, tal como se recolleu en diante na lexislación”, rememora.

O respecto polas características da fala local, preferencia polas variantes máis etimolóxicas ou máis conservadoras cando na fala convive máis dunha solución e acomodación ás formas do galego normativo naqueles casos en que os topónimos conteñen apelativos comúns son algúns dos criterios fixados na confección do Nomenclátor de Galicia, sen que a uniformidade de criterios prive a cada topónimo dun tratamento individualizado, matiza.

Nomes de persoa na toponimia e outros ‘Lalín’ en Galicia e Portugal
Canto á toponimia de Lalín, Gonzalo Navaza pon o foco no seu ingreso na RAG como membro de número naqueles nomes de lugar que teñen as raíces nun de persoa, como sucede co da vila e do concello, que fai referencia a Lallinus. Este antropónimo aínda tiña uso como nome persoal en Galicia na primeira metade do século X, o mesmo que o correspondente feminino Lallina.

O Lalín de Deza non é o único de Galicia. O Nomenclátor recolleu outro na parroquia do Carballal, en Palas de Rei, e a documentación medieval rexistra unha terceira localidade chamada Lallini ou Lalín en Arteixo, na actualidade Larín. Todos eles teñen paralelo nos portugueses Lalím (Viseu) e Larim (Vila Verde), este último atestado como Villa Lalini no ano 959, engade Gonzalo Navaza.

O caso do topónimo que designa o seu concello natal non é unha excepción. “Os nomes de orixe antroponímica pasan de sesenta nas entidades de poboación de Lalín, arredor do 16 % do total, unha proporción elevada. A maior parte conteñen o resultado do xenitivo do nome persoal segundo as leis fonéticas comúns da evolución do latín ao galego. Case todos os nomes persoais pertencen aos repertorios latino-cristiáns ou xermánico, algo máis numerosos os do primeiro, e a maioría teñen orixe na Idade Media, moitos nos últimos séculos do primeiro milenio”, resume. Na achega presentada hoxe analiza dende Alfonselle, Afonsín e Agrazán a Gate ou Goiás.