"Fraguas tiña claro que o Museo do Pobo Galego debía contribuír a normalizar a presenza da tradición na evolución cultural de Galicia"

María Xosé Fernández Cerviño renunciou en decembro de 2017 á subdirección do Museo do Pobo Galego, unha vez rematadas as celebracións do 40 aniversario da institución, pero segue a ser patroa do museo e a traballar desinteresadamente para este espazo emblemático da cultura de noso. Leva facéndoo desde o principio, mesmo antes da inauguración das primeiras salas, un labor continuo que lle permitiu manter un estreito contacto con Antonio Fraguas. O etnógrafo, ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2019, foi o primeiro director do museo e en 1989, tras a morte de Xaquín Lorenzo Xocas, ocupou a presidencia que ostentara antes o seu "irmán". Os dous colegas, lembra a historiadora, tiveron claro desde o principio que o Museo do Pobo Galego "non podía ser un arquivo de cousas antigas".
María Xosé Fdez. Cerviño, autora da biografía.
Foto: Mejuto (Cortesía de La Voz de Galicia)

"Cando Antonio Fraguas asumiu a dirección do museo xa tiña 71 anos e era moi consciente de que el e Xocas eran portadores dunha tradición, dun legado que non debía morrer con eles. Os dous achegaron as súas propostas sobre que era o que había que recoller, que tratamento había que darlles aos bens materiais... Pero tamén coincidían nunha cuestión moi importante: o museo non podía ser un arquivo de cousas antigas, tiña que ir máis alá e facer un labor proxectivo para que toda esa tradición recuperase o seu valor, para que se normalizase a súa presenza dentro da evolución cultural de Galicia naqueles comezos da democracia", rememora María Xosé Fernández Cerviño, autora de Antonio Fraguas Fraguas. Estancias vitais dun mestre sabio. A biografía, editada por La Voz de Galicia, foi presentada hoxe no salón de actos da Real Academia Galega nun acto no que a parte musical correu a cargo da cantante Sabela.

Antonio Fraguas e Xaquín Lorenzo non só estaban de acordo no enfoque que debía ter o museo. Mantiñan unha estreita amizade que comezara nos anos 20, cando os dous eran membros activos do Seminario de Estudos Galegos. "Na súa correspondencia vese que a súa era unha relación fraternal. Xaquín Lorenzo perdera cando era moi novo o seu único irmán, Xurxo, e despois de falecer a súa nai non tiña xa máis familia. E don Antonio, que non tivera irmáns nin fillos, encontrou en Xocas dalgún modo a súa alma xemelga, sintonizaban moitísimo".


Sabela canta un poema de Rosalía nun momento da presentación da biografía de Fraguas escrita por María Xosé Cerviño para La Voz de Galicia. Fonte: RAG


Os dous vellos profesores traballaban no museo xunto ao grupo de persoas que promoveran a creación da institución, todas, como María Xosé Cerviño, moito máis novas ca eles. "Fraguas non sempre estaba cen por cen de acordo co que nós faciamos, había un hiato xeracional grande entre uns e outros, e posiblemente había cousas que non chegaban a satisfacerlle plenamente, pero era absolutamente respectuoso, nada impositivo. Trataba de contribuír como o primeiro pero sen poñer atrancos", asegura a historiadora.

O tempo compartido con Fraguas foi para ela "unha ensinanza permanente do que é o amor a Galicia". "Sempre traballou no museo por pura vocación e xenerosidade, os recoñecementos que recibiu ao final da súa vida foron desde logo máis que merecidos. Dá a sensación, e así o digo na biografía, que tiveron que desaparecer outros persoeiros máis notorios para que el adquirise o recoñecemento que se lle debía pola súa importancia na cultura galega e na súa transmisión", salienta. Así e todo, a súa achega á vida e á obra don Antonio é un percorrido polos principais momentos e escenarios da súa traxectoria, desde a infancia ata a etapa final no museo, que foxe da haxiografía. "Non quería repetir ese lugar común de bo e xeneroso, pero o certo é que no seu caso a bondade e a calidade humana é fío condutor de todos os testemuños que hai sobre el", recoñece.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presidiu esta mediodía o acto de presentación do libro, no que tamén interviñeron xunto á autora o o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, e o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi. A cantante Sabela púxolles voz a dous poemas de Rosalía, "Adiós, ríos" e "Quíxente tanto, meniña".


Foto: Mejuto (Cortesía de La Voz de Galicia)