Florencio nos andeis: volumes para coñecer a obra e a vida do autor Letras Galegas 2022

A celebración do Día das Letras Galegas 2022 loce nos escaparates das librarías e nos andeis de novidades das bibliotecas do país. A obra poética de Florencio Delgado Gurriarán, ata este ano descatalogada, pode agora lerse en distintas edicións comentadas, título a título ou en antoloxías. As editoriais tamén levaron ao prelo biografías dirixidas a públicos de distintas idades para descubrir un poeta e mais unha persoa fundamental na organización galeguista na súa terra valdeorresa e, despois da guerra civil, no activismo cultural do exilio mexicano.

Xerais ofrece Florencio Delgado Gurriarán. Obra poética, un volume ao coidado de Xosé Ramón Pena que recolle a poesía do autor editada en vida en forma de libro e que se completa cun apéndice. Este conta con dezaseis composicións que, na súa maioría, foron publicadas en revistas e xornais e non chegaron nunca a seren incorporadas aos poemarios.

A Editorial Galaxia encargoulle as edicións de Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963) e O soño do guieiro (1986) a Dulce Fernández Graña. No mesmo selo ve a luz Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio, unha antoloxía a cargo de Xesús Alonso Montero que vai dende a poesía neotrobadoresca ata a negra dun autor que, salienta o académico no limiar, amosou unha extraordinaria preocupación polo idioma e escribiu unha serie de poemas sociolingüísticos, “insólitos no seu tempo”. A eles dedícalles un capítulo tanto na análise da obra como na escolma poética.

Florencio Delgado Gurriarán. Antoloxía poética é a escolma máis valdeorresa da poesía do autor. Editada por Galaxia, é unha iniciativa do proxecto As Letras de Florencio ao coidado da súa directora, Débora Álvarez Moldes, e Margarida Pizcueta Barreiro.

No apartado de títulos para se achegar á vida do autor, Galaxia reedita a biografía de referencia sobre Delgado Gurriarán, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, do historiador e sobriño do homenaxeado, Ricardo Gurriarán, publicada en 1999 pola desaparecida Ediciós do Castro. 

Miro Villar asina en Xerais Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, un libro divulgativo dirixido fundamentalmente ao alumnado de secundaria, aínda que serve igualmente como aproximación ao poeta para todo o público. Tamén en Xerais, Héctor Cajaraville presenta Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, unha biografía pensada para o público algo máis novo; e Ir Indo ofrece unha aproximación á vida do escritor e activista cultural, Florencio Delgado Gurriarán: nosa Galicia e máis que toda a Terra, de Tania Pérez e Xosé Ramón Campos.

O colectivo Polo Correo do Vento, como en edicións anteriores, diríxese aos nenos e nenas cunha pequena biografía ilustrada, Florencio Delgado Gurriarán, de Valdeorras a México. Terra a nosa!, publicada por Lela Edicións. O público infantil é igualmente o destinatario de Florencio Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez, unha proposta apoiada en pictogramas incluída na colección Lectura Fácil de Galaxia; Bolanda dedícalle ao autor o último volume da colección dos Bolechas das Letras Galegas e Ir Indo edita unha guía didáctica elaborada por Débora Álvarez Moldes. A RAG tampouco esquece o público máis novo e ofrece na páxina web de Primavera das Letras a biografía infantil sobre o autor escrita por Ledicia Costas.

O público máis novo é igualmente o destinatario de Florencio Delgado Gurriarán fronte á exaltación da natureza. Con texto de Xosé Antonio Perozo e ilustracións de Antonio Seijas, é unha edición da Deputación de Ourense co gallo da 8ª Semana Escolar das Letras Galegas.

A Deputación de Pontevedra, a través dos departamentos de Lingua e Memoria Histórica, presentará o 11 de maio Florencio, unha banda deseñada sobre o autor realizada de maneira coral polo alumnado e o persoal da escola O Garaxe Hermético. A coordinación correu a cargo de Kiko DaSilva con Fernando Llor no guión, Fernando Iglesias na rotulación de textos e Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias, Damián Gómez, Eli García, Jorge Fernández, Chano Ripio, Iria Aldegunde, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Fonso Barreiro e Mara Méndez nas ilustracións.

Xa para o público adulto, a Real Academia Galega contribúe ao mellor coñecemento de Florencio Delgado Gurriarán coa edición especial, dixital e impresa, do discurso que escribiu co gallo da súa recepción como académico correspondente, nun acto celebrado en Valdeorras no ano 1981. No texto, cuxo mecanoscrito se conserva no arquivo da institución, o escritor relata en primeira persoa como tivo que fuxir a México canda tantos outros que pensaban coma el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a prol da cultura galega que, xunto a outros paisanos.

A Academia publicará ademais proximamente dous volumes máis sobre o autor. O primeiro é unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois. O segundo, unha escolma de correspondencia do homenaxeado con persoeiros da cultura galega.

Dende o mundo institucional chegan outras propostas editoriais como a edición facsimilar do Consello da Cultura Galega do Cancioneiro da loita galega, publicado en 1943 polo Partido Galeguista en México, e no que Florencio participou con varios poemas. O volume conmemorativo inclúe un estudo crítico de Xesús Alonso Montero, responsable da reedición de 1996 en Ediciós do Castro, e notas de Ricardo Gurriarán.

A Universidade de Santiago de Compostela presenta o venres 13 de maio outro volume sobre Florencio, coordinado pola profesora Dolores Vilavedra. Será no seu acto de celebración do Día das Letras Galegas, que terá lugar ás 12:00 horas no salón nobre de Fonseca. Pola súa banda, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dedica o novo número dos seus Cadernos ao poeta, e Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense fai o propio no número 48 da revista Raigame.

Fóra de Galicia, a Universitat de Barcelona súmase á conmemoración cunha escolma bilingüe de poemas de Florencio, preparada por María Xesús Lama, que formará parte da colección de plaquettes Lletres gallegues UB / Letras Galegas UB editada por Chan da Pólvora.

As Letras de Florencio chegan igualmente aos quiosco. Entre outras contribucións, o número 103 de Luzes é un especial sobre a súa figura e o exilio galego en México; o sábado 14 de maio Nós Diario virá acompañado dun número especial do semanario Sermos Galiza centrado na súa figura e La Voz de Galicia ofrecerá o 17 de maio o volume Florencio Delgado Gurriarán. Sempre desexando Galicia, unha biografía e antoloxía a cargo de Sara Pérez Peral.