Fina Casalderrey, candidata ao Premio Hans Christian Andersen

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) representará a España na vindeira edición do Premio Hans Christian Andersen, considerado o Nobel da literatura infantil e xuvenil. A académica foi proposta pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte e a Xunta de Galicia, xunto á ilustradora Elena Odriozola (Donostia, 1967) como candidata ao galardón que concede dende 1956 a Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) co patrocinio da coroa danesa. A resolución do xurado farase pública na Feira do Libro Infantil de Boloña en 2024.

Fina Casalderrey é a segunda figura das letras galegas proposta pola sección estatal da IBBY para o galardón que leva o nome de Andersen (1805-1875), autor de clásicos como O soldadiño de chumbo, O parrulo feo, A princesa e o chícharo ou A sereíña. Con anterioridade foino Agustín Fernández Paz (1947-2016), nos 2010 e 2016.

A académica é unha das voces máis destacadas da literatura infantil e xuvenil peninsular. A súa obra abrangue máis de sesenta títulos, moitos deles dirixidos ao público máis novo, recoñecidos con numerosos galardóns. Entre outros, mereceu o Premio Merlín do ano 1991 por Dúas bágoas por Máquina; o Barco de Vapor de 1994 por O misterio dos fillos de Lúa, que tamén mereceu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996; o Edebé de Literatura Infantil do 1995 por O estanque dos parrulos pobres; o Álvaro Cunqueiro de 1999 por Repostería en Galicia; a Medalla Castelao no 2003 ou o recoñecemento como Socia de Honra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) no ano 2013. Tamén recibiu o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras no ano 2015, o Premio Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal no 2016 ou o Premio Picadillo á difusión da Gastronomía Galega no 2017.

A crítica sinala varios trazos estilísticos e temáticos común na súa produción literaria, como o coidado no uso do idioma, o manexo de diferentes rexistros lingüísticos, o humor, a pintura de situacións familiares e económicas problemáticas, a presenza do mundo dos animais e a sensibilidade cara á terceira idade. 

Os seus libros traducíronse ao español, o inglés, o italiano, o francés, o portugués, o catalán, o vasco, o coreano, o chinés ou o bretón.

Nos últimos anos Fina Casalderrey experimentou tamén coa linguaxe audiovisual e asinou os guións das curtametraxes Garuda (2010), Dúas letras (2011) ―distinguida en varios festivais― e Querido Tomás (2013), que obtivo o premio á mellor actriz no Festival Independente de Braga (Portugal) en 2014. Escribiu e dirixiu tamén a curtametraxe A última moeda (2016), historia de intenso lirismo e protagonismo infantil, e asinou o guión d’A orixe da nosa lingua guapa, unha curtametraxe de ficción producida pola Real Academia Galega baseada nunha idea orixinal propia.

O xurado internacional da última edición do Premios Hans Christian Andersen está integrado pola presidenta, Anastasia Arkhipova (Rusia), e Evelyn Arizpe (México/ Reino Unido), Brenda Dales (Estados Unidos), Sabine Fuchs (Austria), Diana Laura Kovach (Arxentina), Shereeh Kreidieh (Líbano), Bettina Kümmerling-Meibauer (Alemaña), Jaana Pesonen (Finlandia), Tan Fengxia (China), Pavle Učakar (Eslovenia) e Morgane Vasta (Francia), xunto coa directora executiva da IBBY, Carolina Ballester, como membro do xurado ex officio.