Letras galegas 2020

'Don Ricardo de Fingoi', os quince anos de Carballo Calero en Lugo

En 1950, Ricardo Carballo Calero iniciaba unha nova etapa vital e intelectual en Lugo, onde se estableceu para asumir a dirección do Colexio Fingoi, un centro educativo experimental dende o que lles abriu as portas á lingua e á literatura galegas a varias xeración de alumnos e alumnas en plena ditadura. O legado daqueles quince anos, nos que escribiu a súa magna Historia da literatura galega contemporánea (1963) é recordado agora en Carballo Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi, editado polo Colectivo Egeria. O libro está dispoñible nesta ligazón.

O volume xunta máis dunha trintena de colaboracións de antigos alumnos e alumnas e amizades de Carballo Calero. Os seus promotores tamén organizaron a exposición itinerante co mesmo nome, na que colabora a Real Academia Galega, e puxeron en marcha a páxina carballocaleroenlugo.org.

Araceli Herrero Figueroa, discípula do profesor falecida o pasado mes de xuño, é unha das antigas alumnas do homenaxeado que participa no volume. "Se hai un texto de Carballo que deberiamos coñecer, agradecer e aplaudir todos os lucenses, é a conferencia que impartiu no Centro Lucense de Buenos Aires, Quinze anos em Lugo, texto no que se nos precisa que, se ben se criou á beira do mar ártabro, na súa moi querida cidade de Ferrol, Lugo representa na súa vida e familia un espazo e tempo de acariñadas lembrazas", escribiu a filóloga e escritora.

Ricardo Carballo Calero cos primeiros alumnos do Colexio Fingoi. Fonte: Colexio Fingoi