Francisco Fernández del Riego, a herdanza da decidida vontade de ser

O 26 de novembro de 1960 Francisco Fernández del Riego lía o discurso de ingreso na Real Academia Galega como membro de número. O último protagonista do Día das Letras Galegas, impulsor no seo da corporación desta festa que fai 60 anos, deu lectura ao texto titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores. O ensaio é un repaso da literatura galega desde o século XIX que dá conta da evolución da visión de Galicia como entidade cultural de seu. En todos os autores que participaron neste proceso “maniféstase con precisión unha decidida vontade de ser” deixada en herdanza ás novas xeracións, salientaba don Paco.

“A súa voz, con obra plena e excelente, está operando. Seguimos tendo viva esa raigaña, fonda, nutridora de novos e valiosos froitos. Dos degaros e afáns deses homes egrexios, que andaron polos camiños de Galicia con novo andar, estámonos alimentando nós en boa parte”, recoñecíalles Del Riego no peche do discurso. “Legáronnos ansia de coñecemento e superación, vocación de loita sabida previamente desigual; e os homes de hoxe, ao acatar este herdo, son a mellor proba da nobreza dos seus empeños”, concluía.

O discurso foi publicado pola Real Academia Galega en 1973. Co gallo do Día das Letras Galegas de Del Riego a institución agasallou o público asistente ao pleno extraordinario do pasado 17 de maio, celebrado en Lourenzá, cunha copia facsimilar. A edición inclúe a resposta que lle deu a don Paco en nome da RAG Ricardo Carballo Calero. O protagonista das Letras Galegas de 2020 trazou o perfil biográfico do novo académico, a quen recoñecía como amigo íntimo dende os anos universitarios en Santiago de Compostela.

Carballo Calero puña tamén o acento nas súas palabras na transmisión xeracional desa vontade de ser que sinalara don Paco. “Os homes da promoción de Del Riego son tan próximos en idade a nós mesmos, os nosos irmáns menores, que algo deprenderon de nós, pero que máis ben son discípulos dos nosos propios mestres”, dicía. Seguindo o ronsel, o presidente da RAG recoñeceulles tamén este 17 de maio aos galeguistas do tempo de Del Riego o seu legado. “Co seu exemplo e co seu traballo gañaron un futuro para todos nós”, expresou Víctor F. Freixanes.