Darío Xohán Cabana abre a programación dos 700 anos do pasamento de Dante Alighieri

Darío Xohán Cabana foi o encargado de abrir a programación de Dante sul Cammino di Santiago, un proxecto internacional que celebra o 700 aniversario da morte de Dante Alighieri (1265-1321) e propón unha peregrinación cultural de Roma a Santiago de  Compostela cadrando co Ano Santo. O académico, tradutor ao galego da Divina Commedia, presentou algúns dos retos ao que se enfronta quen trata de achegar o poema de Dante a outros idiomas.

A inauguración do proxecto  Dante sul Cammino di Santiago celebrouse o pasado 10 de xuño na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que impulsa esta iniciativa da man da Asociación Socio-Cultural Italiana de Portugal Dante Alighieri. Os promotores propoñen un itinerario que une Roma e Santiago de Compostela nunha peregrinación cultural que atinxe a varios comités Dante Alighieri entre España, Portugal, Italia e Francia, xunto a numerosas institucións culturais dos países correspondentes.

Darío Xohán Cabana pronunciou un relatorio titulado Tradurre senza tradire: a arte de anosar a Divina Commedia, traducir sen traizoar un clásico da literatura universal composta por cen cantos de estrofas de tres versos hendecasílabos. A súa versión galega dos máis de 14.000 versos desta obra mereceu a Medalla de Ouro do Concello de Florencia e o Premio Otero Pedrayo. Tras esta primeira tradución, saída do prelo no ano 1990, no 2014 Edicións da Curuxa publicou unha nova froito dun traballo continuo e obsesivo durante tres anos, nas súas propias palabras.O académico lamentou na súa intervención as dificultades para atopar nas bibliotecas públicas edicións coma esta, que permiten ler en galego obras que son patrimonio da humanidade.

Darío Xohán Cabana tamén verteu ao galego outros grandes títulos das letras italianas como a Vida nova, a primeira obra coñecida de Dante, ou o Cancioneiro de Petrarca; e editou e traduciu á lingua galega os versos da Antoloxía do Doce Estilo Novo.