Chus Pato leva o galego á inauguración do Festival de Poesía de Berlín

Chus Pato é unha das escritoras convidadas á inauguración da nova edición do Festival de Poesía de Berlín, o máis importante de Europa no seu xénero, onde cada verán se presentan as principais tendencias poéticas contemporáneas. O galego será a través dos seus versos a única lingua do Estado español que se oirá na apertura do encontro, que xuntará cento cincuenta poetas de corenta países do 11 ao 17 de xuño arredor dun programa que terá como tema central a diversidade lingüística de Europa. Chus Pato tamén participará nunha mesa de debate sobre o plurilingüismo en España e profundará na súa propia obra e na situación actual do galego nunha entrevista coa poeta e tradutora Erin Moure.

A vixésimo segunda edición do Festival de Poesía de Berlín, que se desenvolverá en liña por mor da pandemia, arrincará o venres 11 de xuño ás 20:00 horas cun recitado a cargo de nove voces internacionais que demostrarán a saúde da poesía contemporánea e a súa diversidade de contidos e estilos. Chus Pato compartirá protagonismo canda Judith Zander (Alemaña), Ichiko Aoba (Xapón), Ben Lerner (Estados Unidos), Hannah Lowe (Reino Unido), Marieke Lucas Rijneveld (Países Baixos), Marko Tomaš (Bosnia Herzegovina), Valzhyna Mort (Bielorrusia) e Peter Waterhouse (Austria). As gravacións acompañaranse de subtítulos en alemán, dos que se encargou, no caso dos versos de Chus Pato, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch. Unha publicación bilingüe recollerá todos os poemas lidos.

O lema do XXII Festival de Poesía de Berlín, Velaí está Europa, bebe do poema “Europa” de Kurt Tucholosky, no que o autor, no ano 1932, se laiaba, nun ton de sátira, pola disgregación dos estados europeos no clima prebélico que os levou a posicións contrarias á construción do común. As dimensións políticas e sociais do plurilingüismo e a importancia da tradución na Unión Europa centrarán distintos debates. Un deles, gravado na sede do Goethe Institut en Madrid e moderado pola crítica literaria, tradutora e editora Cecilia Dreymüller, centrarase na diversidade lingüística de España. Contará de novo coa participación de Chus Pato xunto ás tamén poetas Tere Irastortza, María Cabrera, Sofía Castañón e Olvido García.

A organización do festival salienta que a poesía de Chus Pato vai máis alá de calquera concepto tradicional deste xénero e pon o acento na súa capacidade para redefinir en cada un dos seus libros “o que pensamos sobre as posibilidades dos textos poéticos, sobre as palabras, os corpos, o espazo político e literario e a construción de nós mesmos como individuos, comunidade, nación e mundo”. A propia autora profundará na súa obra nunha ampla entrevista que se publicará tamén no marco do festival. Nesta conversa coa poeta e tradutora Erin Moure, que verteu ao inglés a poesía da académica, Chus Pato abordará tamén a súa visión da situación actual da lingua galega.

Chus Pato e Erin Moure xa teñen compartido espazos noutros encontros poéticos de relevancia internacional. No ano 2015, Chus Pato converteuse na primeira figura das letras galegas en rexistrar a súa voz na Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard a través dos versos de Secesión, interpretados en inglés pola autora canadense de ascendencia galega. No ano 2019, a académica foi convidada a recitar a súa obra na residencia sobre escrita internacional e tradución do Queen’s College de Oxford, de novo acompañada por Erin Moure, con quen tamén compartiu reflexións sobre o que significa levar unha obra a outra lingua.