Letras galegas 2020

Carvalho Calero no programa de televisión "A Trabe de Ouro"

Tal día coma hoxe, o 25 de marzo de 1990, falecía en Santiago de Compostela, Ricardo Carvalho Calero. Cadrando con esta efeméride, a Real Academia Galega comparte o capítulo do programa cultural A Trabe de Ouro da Televisión de Galicia que o escritor, filólogo e profesor protagonizou no ano 1987. O espazo, conducido por Víctor F. Freixanes, actual presidente da RAG, pode verse, por cortesía da televisión pública autonómica, nesta ligazón da sección de academia.gal dedicada ao autor ao que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2020.

O programa que no seu día lle dedicou A Trabe de Ouro a Ricardo Carvalho Calero inclúe unha entrevista ao autor na que fala sobre a súa xeración, a súa obra literaria e a lingua con Víctor F. Freixanes, director deste programa cultural que a TVG emitiu nos anos 80 do século XX.

A Real Academia Galega tiña previsto celebrar hoxe na súa sede, cadrando co cabodano de Carvalho Calero, unha homenaxe ao seu labor como dramaturgo da man do estudio teatral que dirixen Manuel Lorenzo e Santiago Fernández, Casa Hamlet. Debido ao estado de alarma pola COVID-19, este e outros actos programados arredor da figura e da obra de don Ricardo quedan pospostos mentres se manteña esta situación. Entrementres, a RAG continuará a divulgar contidos sobre a súa vida e a súa produción intelectual, tanto dirixidos ao público adulto como ao infantil e xuvenil a través de academia.gal e das webs do proxecto Primavera das Letras e do Portal das Palabras.