As Letras Galegas de Xela Arias: libros, música, chíos e moito máis

Non hai mellor xeito de celebrar o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003) que ler a súa obra. Tras permaneceren os catro poemarios que publicou en vida descatalogados durante anos, houbo que agardar á compilación Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018) para ter acceso aos seus versos. Hoxe os títulos da poeta, editora e tradutora comparten un espazo crecente nos escaparates das librarías de todo o país canda outros volumes que profundan na súa biografía e que reúnen conferencias ou entrevistas á escritora. Pero o Ano Xela Arias deu pulo tamén a un regueiro de iniciativas de todo tipo para achegar o público á figura da autora. Propostas que van dende a música e o audiovisual ata os chíos. Repasamos algunhas delas.

Xela Arias na Feira do Libro de Vigo de 1993. Fonte: Arquivo da libraría Cartabón

En 1986 Xela Arias publicou o seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio, en Edicións Xerais de Galicia. O volume foi reeditado pola editorial neste ano en que a Real Academia Galega lle dedica á autora o Día das Letras Galegas cun limiar de Olga Novo no que a tamén poeta revive a descuberta deste libro cando tiña 24 anos, a mesma idade de Xela Arias no momento da súa publicación. O mesmo selo reeditou Darío a diario (1996), con limiar da escritora Berta Dávila, e Intempériome (2003). O derradeiro poemario que a homenaxeada publicara en vida, en Espiral Maior, vén acompañado nesta edición especial dun caderno de notas e un cedé coa gravación dos poemas na voz de Xela Arias. Acompáñana os músicos Pablo Carrera, Macarena Montesinos e Elena Vázquez, baixo a dirección de Fernando Abreu, quen preparaba coa autora no momento do seu pasamento un espectáculo arredor desta obra no que os versos dialogaban coa música. 

Aquel proxecto inacabado de Xela Arias e Fernando Abreu inspirou Vencerse é cousa de se tratar, un espectáculo de voz e música contemporánea no que acompañan a Abreu Mónica de Nut e Pablo Carrera na parte musical. A dirección escénica correu a cargo de Avelino González e Roi Fernández é o responsable das creacións audiovisuais desta proposta, que se estreará oficialmente o 17 de maio no auditorio municipal de Vigo. Esa mesma mañá, Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera actuarán no pleno extraordinario do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega, que poderá seguirse en directo dende esta ligazón. A sesión contará coas ollada á vida e á obra da homenaxeada das académicas Ana Romaní e Marilar Aleixandre e do académico Manuel Rivas.

A música non foi a única manifestación artística coa que Xela Arias fixo dialogar a súa poesía. En 1990 asinou xunto ao fotógrafo Xulio Gil Tigres coma cabalos. Este volume transgresor, composto por 48 poemas e outras tantas imaxes, volve agora ás librarías nunha coidada edición de Engaiolarte, que publica tamén Xela Arias. A poesía do retrato, con fotos da autora asinadas igualmente por Xulio Gil.
O Ano Xela Arias fixo saír á luz unha narración inédita, Non te amola!, unha sorte de biografía infantil da escritora publicada pola Editorial Galaxia e que conta ademais cunha edición facsimilar polo Consello da Cultura Galega. Galaxia levou tamén á imprenta Intempestiva de Montse Pena Presas, unha das biografías sobre a autora publicadas nos últimos meses. María Xesús Nogueira escribiu para Xerais Xela Arias. Os territorios da liberdade, outra biografía para o público xeral; a poeta Yolanda Castaño asina Xela quixo ser ela en Merlín, a colección de Xerais; Anxo Xoán Rajó, Xela Arias. Poeta e tradutora en Ir Indo; e Polo Correo do Vento presenta Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Pequena biografía de Xela Arias.

Alén das achegas biográficas para distintas idades, Chan da Pólvora celebra as Letras Galegas de Xela Arias con De certo, a vida ía en serio, unha selección de textos e as contornas a cargo, de novo, de María Xesús Nogueira; e Baía Edicións levou ao prelo un diálogo de Emma Pedreira cos textos de Arias baixo o título Xela Arias. Palabra á intemperie

A Real Academia Galega, cadrando co Día Internacional da Muller, editou en versión dixital Xela Arias. Muller e literatura, unha conferencia da autora sobre o oficio de escribir dende a perspectiva de xénero. A institución apostou pola divulgación da súa vida e obra a través do audiovisual coa produción da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, composta por seis capítulos que profundan no seu perfil como escritora, tradutora e editora, indagan nas súas raíces e dan voz ás novas xeracións de poetas que beben do seu legado. A RAG está a compartir ademais dende a súa páxina web as micropezas Xela Arias. Onde canta a poeta, trinta olladas procedentes dende o mundo da literatura e a tradución ata o escolar, e entre as que se inclúe a colaboración especial da violonchelista viguesa Margarida Mariño, que lle puxo música e voz a un dos poemas de Tigres coma cabalos

As Letras Galegas 2021 déixannos outras producións audiovisuais e musicais como Outras voces para as Letras de Xela, da Deputación de Lugo, o videoclip “Intempériome” da Banda da Loba, que dedica o seu último disco á autora, o do poema “Irás dirás virás” interpretado por Clara Pino e Pablo Vidal, ou "Perder pé" interpretado por Noelia Solleiro e Ángel Paz. Estes mesmos versos abren o espazo de Radio Redondela Xela a diario. Voces amigas, dirixido e presentado por Ana Facchini e dispoñible na páxina web da emisora.

As redes sociais expanden estes contidos e acubillan iniciativas concibidas expresamente para elas, entre as que destaca a chiografía de Xela Arias a cargo de Manuel Bragado. O exeditor de Xerais publica dende o 1 de xaneiro deste ano un chío arredor da figura e da obra de Xela Arias baixo o cancelo #XelaArias2021. A compilación de todos os emitidos ata o 9 de maio está dispoñible nun documento pdf no seu blog persoal.

A Rede acubilla moitos outros recursos sobre a autora, dende as versións dixitais de exposicións como Aquela nena de Sarria, a ducias de propostas escolares que estes días se multiplican por todo o país ou o concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega, unha proposta a cargo de Laura Lamontagne & PicoAmperio que poderá seguirse en directo dende a páxina web da institución organizadora. A todas elas hai que sumar as iniciativas presenciais que están a organizar concellos, asociacións veciñais e culturais de toda Galicia en homenaxe a unha voz singular das nosas letras contemporáneas. Unha celebración que, malia a pandemia, se está a vivir con intensidade tamén na Galicia exterior e que continuará alén do 17 de maio con propostas ao longo de todo o ano.