As I Xornadas Vasco-Galegas de Lexicografía estreitan lazos para a elaboración de traballos comúns

Académicos e representantes institucionais están a participar nas I Xornadas Vasco - Galegas de Lexicografía que se desenvolven na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, convocadas polo Instituto da Lingua Galega, o Centro para Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro, a Euskalzaindia (Real Academia Vasca) e a Real Academia Galega. 

O encontro convocouse co obxectivo de formalizar contactos entre as institucións a prol de traballos comúns arredor da especialidade centrada na elaboración de dicionarios e vocabularios. Esta colaboración mantense dende hai tempo, mais fortalécese agora con propostas para a elaboración de programas.

Entre outras iniciativas, o coordinador do Seminario de Lexicografía e membro do comité organizador, Manuel González, e a académica electa María Dolores Sánchez Palomino presentaron o ambicioso proxecto de futuro o Dicionario Histórico-Etimolóxico da Lingua Galega.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, participou na inauguración das xornadas xunto a Manuel González; Adolfo Arejita, secretario de Euskaltzaindia; Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía da USC; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.