Aniversario do Seminario de Estudos Galegos

O 12 de outubro de 1923 un feixe de estudantes e profesores da Universidade de Santiago de Compostela fundaron, na casa de Rosalía de Castro en Ortoño, o Seminario de Estudos Galegos.
Portada do Vocabulario Galego-castelán do Semianario
Portada do Vocabulario popular galego-castelán do Seminario (1926)


O grupo inicial -formado por Armando Cotarelo Valledor, Lois Tobío, Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Manuel Magariños, Xosé Pena, Wencesalo Requejo Bouet, Francisco Romero de Lema e Alberte Vidán- tiña como obxectivo, segundo relata nas súas memorias o propio Lois Tobío, (As décadas de T.L., 1994), crear unha institución "que non sería unha tertulia literaria ao xeito ateneístico […], senón un fogar de inquérito e espallamento do saber, cinguido, ademais, á cultura e realidade galegas. Sería co tempo, escola de investigadores, debendo recadar para elo xente nova, e ben alonxado doutra banda, do tipo de academia que ten sempre un aquel de casa de retiro para figuras ilustres". É dicir, contrarrestar co seu labor o desinterese manifesto naquela altura da universidade compostelá pola realidade galega.

Ao Seminario, organizado en seccións seguindo a estrutura interdisciplinar do Institut d´Estudis Catalans, iranse incorporando de seguido as principais figuras intelectuais galeguistas daquel tempo, como as provenientes da do Grupo Nós -Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Castelao- así como o arcebispo de Santiago, Manuel Lago González; Josefa Iglesias Vilarelle, Salvador Cabeza de León, Xesús Carro, Lugrís Freire, Carballo Calero, Vitoriano Taibo, Gómez Román, López Abente, Bal y Gay, Luís Iglesias ou Camilo Díaz Baliño entre moitos outros.

Como xa dixemos, o labor do Seminario estruturouse en varias seccións dirixidas por cadanseu coordinador: a de Filoloxía , por Armando Cotarelo Valledor; Arte e Letras, por Castelao; Etnografía, por Vicente Risco; Historia, a cargo de Cabeza de León, (quen tamén foi o presidente do Seminario de 1925 a 1934); Prehistoria, coordinada por Florentino López Cuevillas; Xeografía, por Otero Pedrayo; Historia da Arte, por Xesús Carro; Historia da Literatura, por Xosé Filgueira Valverde; Pedagoxía, por Manuel Díaz Rozas; Ciencias Aplicadas, por Manuel Gómez Román; Ciencias Naturais , por Luis Iglesias e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas, por Lois Tobío.

Financiado con fondos achegados por particulares como Portela Valladares; organismos públicos como a Deputación da Coruña e, unha vez máis, pola comunidade de emigrantes galegos en Bos Aires, o Seminario aséntase definitivamente no Pazo de Fonseca a partires de 1930. As súas creacións, de temática diversa, son publicadas por diferentes medios: desde monografías individuais editadas polo propio Seminario habitualmente na Editorial Nós de Ánxel Casal, como A rosa de cen follas, de Cabanillas; Nao senlleira, de Bouza Brey; Cousas I e II, de Castelao; A fiestra valdeira, de Dieste; El Padre Feijóo, de Sara Leirós, Algunhas normas pra unificación do idioma gallego ou o Anteproyeito de Estatuto da Galiza; ata artigos de investigación agrupados no anuario Arquivo do Seminario de Estudos Galegos e outros diseminados na prensa afín ao galeguismo naquela altura, como a revista Nós de Ourense, o Boletín da Real Academia Galega, o xornal Galicia de Valentín Paz Andrade e El Pueblo Gallego, de Portela Valladares, onde aparecería, editado por entregas entre 1926 e 1928, o Vocabulario popular galego-castelán do Seminario.

Ilustración de Castelao
Iustración de Castelao en Cousas II (1929)


Ningún aspecto da realidade galega semellou resultar alleo ao interese dos membros do Seminario, que afondaron en temáticas que xa gozaban de certa tradición entre nós, como os estudos históricos, arqueolóxicos e literarios, e inauguraron para a nosa cultura liñas de estudo que ficaran case ermas ata ese momento, como as matemáticas, a química, a astronomía ou a economía, materias tratadas todas elas seguindo as teorías e técnicas de investigación máis avanzadas no seu tempo, nun esforzo conxunto por elevar o nivel da nosa cultura ata homologalo co internacional. Unha empresa xigantesca que coutaría, de xeito dramático, o golpe de xullo do 36.

En palabras do estudoso Alfonso Mato Domíguez (O Seminario de Estudos Galegos, 2001): "Pódese dicir que o Seminario de Estudos Galegos é unha institución que pertence á mesma árbore xenealóxica que iniciou en 1876 a Institución Libre de Enseñanza […] a Junta para a Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicias (1907), o Institut d´Estudis Catalans (1907), ou a Residencia de Estudiantes (1910). Non creo equivocarme se afirmo que, de xeito parello ás institucións citadas, o Seminario axudou á formación dunha elite cultural que, de non ser pola ruptura de 1936, semella que estaba destinada a xogar un papel importante na Galicia".