'Anagnórise', a novela que retratou o que pasaba na túa clase do instituto

"Para min Anagnórise é a mellor novela de María Victoria Moreno, a máis redonda, e pervive hoxe en día", sentencia Marilar Aleixandre. A académica comezaba a escribir cando en 1988 saíu do prelo a historia de Nicolau Aríns, que xira arredor da viaxe que este comparte coa muller que o recolle en autostop cando escapa da casa para xuntarse en Madrid cuns amigos relacionados co tráfico de drogas. Con ela, a súa autora entrou na prestixiosa lista de honra do IBBY e revolucionaría a literatura xuvenil galega. "Foi fantástico ver que as personaxes eran máis próximas, que poderían ser calquera de nós e que falaba de problemas que pasaban na miña clase", conta Eli Ríos. A escritora recorda xunto a outras mulleres do mundo da cultura tamén adolescentes naqueles anos, Ledicia Costas, Eva Mejuto, Lorena Conde e Montse Pena, o que significou para elas a lectura deste libro de nome estraño, e mesmo coñeceren a autora. A obra inspira tamén a canción do mesmo nome composta pola Banda da Loba co gallo do Día das Letras Galegas.

A viaxe compartida entre Nicolau Aríns e Xulia Andrade, cuxa identidade o mozo non coñece ata o final da novela, é tamén unha viaxe iniciática, para madurar e descubrirse a si mesmo, para experimentar a súa propia anagnórise. As conversas que manteñen os dous protagonistas nas horas que comparten na estrada transforman a desconfianza inicial do rapaz en admiración por ela, e tamén cambian o seu xeito de pensar e facerlle fronte á vida. "Unha das cousas que destacaría de Anagnórise é precisamente esa evolución de Nicolau", indica Marilar Aleixandre, que pon como exemplo a transformación no xeito de percibir as mulleres. Ao comezo deste percorrido, o mozo expresa toda unha serie de prexuízos e estereotipos de xénero, que se revelan precisamente polo feito de que sexa unha muller a que o recolla cando está facendo dedo. Pero a misteriosa condutora irallos desmontando, porque esta é tamén a novela na que María Victoria Moreno "expresa de modo máis explícito ideas sobre a igualdade entre mulleres e homes", engade Marilar Aleixandre.

A académica tamén se interesou no seu momento por esta novela polo xeito en que introduce un personaxe adulto. "É un trazo un pouco raro na literatura infantil e xuvenil, non o debería ser, pero hai algúns estereotipos que sosteñen que nas obras xuvenís os protagonistas deben ser xente moza. Aquí encontramos basicamente dous personaxes, e un deles ten moitos trazos da propia María Victoria: é unha persoa que conducía de forma destemida, que fumaba, que era escritora...". A crítica literaria e especialista en literatura infantil e xuvenil (LIX) Montse Pena chama igualmente a atención sobre a ollada de xénero e a importancia que a escritora lle concedeu a un dos personaxes que menos aparecen nas novelas para nenos e mozos: "De súpeto unha muller adulta non só ten presenza, senón que ademais se encarga de desmontar pouco a pouco os tópicos que Nicolau Aríns manexa sobre as mulleres".

O escritor Antonio García Teijeiro, compañeiro de María Victoria Moreno na posta en marcha de Árbore -a colección infantil e xuvenil de Galaxia na que se publicou Anagnórise-, coincide en que esta é " quizais a novela central do legado" da autora protagonista do Día das Letras Galegas 2018, coa que demostra "unha vez máis, que sempre foi unha escritora de personaxes e o seu coñecemento da psicoloxía da xente nova". Fontes nas que se inspirar non lle faltaban: era unha profesora de secundaria namorada da súa profesión e, de feito, dedicoulles este libro ao seus alumnos e alumnas no instituto de Vilalonga (Sanxenxo). Soubo facelos protagonistas e falarlles de teimas e problemas da vida real de calquera centro de ensino pouco explotados na maioría da literatura galega xuvenil da época, como o coqueteo coas drogas ou as relacións de parella. "É nese sentido unha novela que arriscou moito no seu momento", indica Montse Pena. "A literatura de María Victoria Moreno abriu moitos camiños e é atemporal", valora Antonio García Teijeiro.

Con estes vimbios, a autora confeccionou unha historia que "se lía con moita rapidez e moitas ganas entre a mocidade, porque os mozos e mozas identificábanse moito con ela", salienta o escritor David Otero, compañeiro na dirección de Árbore de María Victoria Moreno e Antonio García Teijeiro. "Anagnórise foi unha referencia importante na literatura xuvenil galega. Así como o primeiro grande impacto o conseguiu o primeiro Premio Barco de Vapor (1984), Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín, o segundo foi ao meu modo de ver Anagnórise", conclúe. Os testemuños que seguen, de cinco mulleres do mundo da cultura galega que leron esta obra na adolescencia, así o confirman.

Ledicia Costas (1979): "Fíxome conectar con obras que para min eran esenciais, como 'Rebeldes' ou 'A lei da rúa'"
Escritora. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

Ledicia Costas

Non lembro exactamente o curso no que lin Anagnórise. Intúo que debía estar cursando segundo de BUP. Daquela eu lía moita LIX traducida ao castelán, mais o meu coñecemento da LIX galega era ben escaso. Houbo varios libros que me marcaron durante os meus anos de instituto. Un deles foi Anagnórise. Desta obra sorprendérame, sobre todo, a proximidade, o preto que eu me sentía dos personaxes e das circunstancias que estaban a vivir. Aquel rapaz que facía autostop, ben podía ser calquera dos meus compañeiros. María Victoria Moreno fíxome conectar a través deste libro con obras que para min eran esenciais, como Rebeldes ou A lei da rúa, de Susan E. Hinton. Lembro que me impactara o xeito en que a misteriosa condutora dese vehículo que se detén para levar a Nicolau ata Madrid, vai desmontando un a un os prexuízos de xénero do protagonista, algo que eu xamais atopara nun libro ata ese momento. Tamén o tratamento das drogas, do amor na adolescencia, a xestión das emocións. A lectora que eu era daquela, fixo unha viaxe iniciática paralela á de Nicolau. Estes días, aproximadamente 24 anos despois do meu primeiro achegamento a esta obra, relina. Remexeume dentro algo que levaba décadas durmido. Iso só o conseguen as historias que deixan pouso. Anagnórise é un libro que debe estar en todas as aulas de secundaria. O mellor xeito de lle render homenaxe é léndoo, para que siga brillando coa mesma forza.

Eli Ríos (1976): "Ata as conversas xiraban na volta doutras que tivera coas miñas compañeiras!"
Escritora. I Premio Torrente Ballester para obras en galego

Eli Ríos (Eduardo Castro/AELG)

Naqueles catorce ou quince anos, nos que estaba descubrindo historias como O vixía no centeo, Rebeldes ou Bajarse al moro, entrou Anagnórise na miña vida. Abrín as súas páxinas e o primeiro que me chamou a atención foi que non acontecían as cousas nun lugar afastado. Non. Foi fantástico ver que as personaxes eran máis próximas, que poderían ser calquera de nós e que falaba de problemas que pasaban na miña clase. Ata as conversas xiraban na volta doutras que tivera coas miñas compañeiras! E, ao mesmo tempo, era unha novela e quería saber que pasaba nesa viaxe, mentres me mergullaba cada vez máis nos lugares e na música sen saber que ía camiño de sorprenderme a revelación de Xulia e... ese final!

Relín esta novela de adulta e sorprendeume moito como está tecida ata a última liña e comprendín o que só intuía na xuventude: a autora fiara tan ben a historia que non podía ser doutro xeito. E foi xenial revivir aquelas sensacións tan vivas e sensitivas que, na altura, me achegaron a realidades sobre as que pensar... e moito!

Lorena Conde (1980): "María Victoria Moreno foi a miña particular Xulia Andrade. Fíxonos donas de nós"
Actriz, directora, escenógrafa e atrezzista Cofundadora de Matrioshka Teatro

Lorena Conde

Se miro atrás, hai arredor dunha ducia de enredos de todas as miñas cordas que marcan outros tantos cambios de rumbo afortunados. Un destes nós deuse en 1997 e serviu para tecer parte da rede para a que miro cando o arame sobre o que camiño se me fai moi alto.

María Victoria Moreno foi a miña particular Xulia Andrade. A muller que non se limitou a empurrarme pola programación da materia correspondente. A muller que, cando máis dúbidas tiven, cando máis contradictorio era todo, me preguntou que era o que realmente quería facer eu. E ninguén (nin antes nin despois) me preguntou iso con tanta verdade. Dela veu a atención á voz que me fala todo o tempo dunha dobra na realidade que se desvela un case nada cun airiño, coma unha cortina movida apenas por unha brisa lene. Por iso hai que estar tan atenta.

María Victoria Moreno oíu como medraba nas alma das súas alumnas unha vexetación vizosa e nova e soubo sementar en nós unha inquedanza alegre que se nos amarra con raíces poderosas, coma as das hedras que gabean polo carballo forte e se valen desa verticalidade xenerosa para medrar.

María Victoria Moreno ensinounos a buscar o noso lugar no mundo e tamén que máis vale Quixote desasido da realidade, mais honesto, ca vilán nos seus cabais, pero hipócrita.

María Victoria Moreno fíxonos donas de nós e ese legado está tan vivo coma a súa literatura.

Eva Mejuto (1975): "Ler 'Anagnórise' e coñecer a María Victoria marcou no meu inconsciente un rumbo a seguir como lectora e como escritora"
Escritora e xestora cultural. Coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Eva Mejuto
(Distrito Xermar /AELG)

Lin Anagnórise no 1989, xusto o ano que entrei no Instituto de Vilalonga e coñecín a María Victoria Moreno. Non tiven a sorte de ser alumna súa, como arelara desde a EXB ao saber que alí había unha ESCRITORA (unha de verdade, que non era só un nome impreso na capa do libro. E ademais, unha muller!), naquel centro rural que non tiña moi boa sona na bisbarra (era moito máis chic ir estudar a Pontevedra).

Nos últimos anos 80 da miña adolescencia pouca era a LIX galega que circulaba nas aulas e nas librerías (eu só lembro ter lido Memorias dun neno labrego de Neira Vilas e O misterio das badaladas de Xabier Docampo). Pero para min ler Anagnórise foi outra cousa, foi ter conciencia do oficio da escrita da man da propia autora. Era ben doado recoñecela polos corredores, co seu cabelo negro, mesto, recollido nun moño e lentes grandes. Co seu andar grave, ergueito, orgulloso, sempre fumando, sempre atenta á rapazada que lle preguntamos calquera cousa só por escoitala falar con esa forza, esa paixón. E o marabilloso da obra non era só que nola tivera dedicado senón que, ademais, falaba de nós, da nosa época, o noso contexto, a nosas dúbidas, medos, teimas, preocupacións... A súa publicación supuxo sentirnos parte da historia, do proceso creativo, do seu universo. Ler Anagnórise e coñecer a María Victoria marcou, no meu inconsciente, un rumbo a seguir, como lectora e como escritora e a seguir o consello que un día me deu, cando lle preguntei pola métrica dun poema que estaba a escribir para a revista do instituto: "Non te preocupes tanto con medir os versos, ese non pode ser un obstáculo para escribir. Na poesía, o que realmente importa é a medida dos sentimentos". Obrigada, María Victoria, polo referente que fuches para min e para moitas outras, na literatura, na vida e na métrica dos sentimentos.

Montse Pena Presas (1981): "Por primeira vez en moito tempo, un libro entendíame e falábame directamente a min e á miña incomprensión do que supoñía medrar"
Crítica literaria. Especialista en LIX

Montse Pena (Pedro Rey)

Camiño, autostop, drogas, amor e desamor, autocoñecemento, sorpresa, prexuízos, desconcerto, o inesperado da existencia. Frases que se subliñan e que fican con unha para sempre. Así recorda, coma nun flash, a lectora de doce ou trece anos que eu era a principios dos anos noventa, o seu encontro casual con Anagnórise, aquel título raro que moitas non puidemos deixar de pronunciar, non sen antes telo que buscar no dicionario.

Quizais o corpo quere lembrar tamén a sensación de que un libro, por primeira vez en moito tempo, me entendía, e me falaba directamente a min e á miña incomprensión do que supoñía medrar. Á vez, enfrontábame a unha busca que me había acompañar sempre: a do camiño propio, a de procurar quen se é en cada cousa que se fai para tentar non perderse a unha mesma. E, asemade, Anagnórise aprendeunos a toda unha xeración o pracer da conversa compartida, da pregunta punxente que abre fendas por inesperada. En definitiva, o valor da palabra para cambiar o mundo: primeiro mudando o nimio para despois concentrarse en transformar o profundo. En esquecer e derrubar prexuízos absurdos, en saber valorar o amor cando se presenta, en ser capaces de entender que hai persoas que fican pouco acompañándonos, pero transforman a nosa vida por sempre. Non está mal para unha novela xuvenil, dirían algúns. É extraordinario para calquera obra literaria, penso eu. Sobre todo porque segue dando chaves fundamentais para abrir as fiestras da adolescente que un día, de súpeto, se atopa coa vida en forma de novela.