Ames réndelle homenaxe a Ramón Lorenzo

O académico Ramón Lorenzo recibiu a medalla de Ames na celebración do Día de Galicia que se desenvolveu no pazo da Peregrina este luns. O catedrático foi homenaxeado polo seu concello natal nun acto no que interviñeron, xunto a distintos representantes municipais, a súa filla, Amaia Lorenzo, e o seu neto, Fabián. O filólogo lembrou a infancia no lugar de Eirapedriña, na parroquia de Bugallido, e confiou en que o galego volva ser “a lingua potente” da súa nenez.

Ramón Lorenzo nun momento da súa intervención. Fonte: Concello de Ames

Ramón Lorenzo recibiu a medalla do Concello de Ames de mans do rexedor, Blas García, nunha cerimonia na que o académico estivo arroupado pola súa familia, amizades e representantes institucionais, entre eles o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e compañeiros e compañeiras da mesma entidade. A filla do homenaxeado salientou o compromiso coa lingua e a cultura galega do académico, un legado transmitido tamén ao seu neto de trece anos, que mantén vivo o galego dende Alemaña, o país no que reside.

Imaxe do público asistente á homenaxe a Ramón Lorenzo. Fonte: Concello de Ames