Aberto o prazo para participar no concurso escolar de Primavera das Letras

O prazo para participar no concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de xullo. A Real Academia Galega presentou esta semana a nova edición desta iniciativa, convocada no marco do proxecto Primavera das Letras, que fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada cada 17 de maio. Os proxectos que concorran ao certame poderán verse en primaveradasletras.gal, onde xa están dispoñibles dezaseis actividades interactivas, fichas didácticas e para colorear arredor da vida e da obra da escritora, tradutora e editora Xela Arias. As bases do concurso poden consultarse nesta ligazón.

O concurso está aberto á participación de iniciativas desenvolvidas arredor da celebración do Día das Letras Galegas por nenos e nenas de infantil e primaria e alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe, tanto aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. A Real Academia Galega sorteará lotes de libros entre os centros participantes e fará entrega dun diploma a todas as escolas que se sumen á iniciativa.

A través de Primavera das Letras, o profesorado, os pais e nais e os propios nenos e nenas poden acceder a propostas didácticas para se mergullar no universo literario e vital da persoa á que a Real Academia Galega homenaxea cada ano. O proxecto procura un enfoque interdisciplinario que permita traballar non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística empregando como eixes a vida e a obra da persoa homenaxeada.