Tribuna

A Xeración galegoasturiana de 1936 (I)

A o longo desta década estanse cumprindo os centenarios do nacemento de moitos autores que X. L. Méndez Ferrín clasificara en De Pondal a Novoneira (Xerais, 1984) dentro da Xeración de 1936. De igual xeito, tamén conta o século para os galegoasturianos que agrupamos en Évos un amaicer guapo (Universidade de Vigo, 2007) baixo a mesma denominación; a pesar de responderen só parcialmente aos supostos contemplados por Ferrín e mostraren trazos que os singularizan como grupo. Desta póla galegoasturiana queremos lembrarnos de Alejandro Sela García (Vilavedelle, 1911 – Navia, 1982), Amador Fernández Mejeras (Ribadeo, 1913–1971), Francisco Fidalgo Villaveirán (El Franco, 1913 – Oviedo, 1998) e Ovidio Martínez Álvarez "Ovidio de Queipo" (Boal, 1915–1945), uns autores que viven nunha área xeográfica onde a lingua galega non gozou da progresiva unificación da escrita nin tivo un papel relevante na súa reivindicación a nivel comarcal.

Alejandro Sela, Amador Fernández, Francisco Fidalgo e Ovidio Martínez.

Para aproximármonos á súa obra convén que nos distanciemos do momento presente, tan dirixido por organismos e institucións das dúas autonomías e tan condicionado por posicionamentos políticos de signos diversos. Cómpre situármonos nunha época en que as xentes da cunca do Eo e terras veciñas estaban unidas por lazos afectivos, económicos e de costumes, sen a presenza de elementos autonómicos xebradores. Neste "viejo condado de otro tiempo o minúsculo reino", como diría Álvaro Fernández Suárez, soportábase a miúdo o arredamento das respectivas capitais de provincia. Eran tempos nos que o orgullo de ser de Asturias non impedía manifestar a admiración por Galicia e o sentirse dentro da súa esfera lingüística e cultural; "en geografía, folklore, idioma, etc., etc., poco o nada nos diferenciamos de Galicia los asturianos occidentales" (El Aldeano, nº 89, 15-VI-1933).

Esa admiración aflora incluso en confesións sobre aspectos político-administrativos, como se deduce da crónica dunha representación en Castropol d'O pazo de M. Lugrís Freire, na que se manifesta que "para remate, se cantó el Himno Gallego, que fue escuchado de pie, como obligada cortesía a nuestros vecinos (y con más emoción, por algunos ‘irredentos' simpatizantes)" (El Aldeano, nº 91, 15-VII-1933). Fidalgo chega a disertar en 1958, nun ciclo de conferencias organizado por Educación y Descanso no Hogar del Productor de Tapia de Casarego, sobre a quinta provincia galega no occidente de Asturias, punto tamén abordado nunha entrevista no nº 25 d'El Faro de Tapia (7-I-1958).

Coñecidos e amigos, e tocados polo activismo cultural das Misións Pedagóxicas e da Biblioteca Popular Circulante de Castropol, estes mozos participaron en diversos actos literarios, na divulgación da lectura, colaborando en xornais e mesmo contribuíndo na súa fundación. Sela publica en El Aldeano de Castropol; Fidalgo e Mejeras, en Atalaya das Figueiras, e os catro (varias veces coincidindo dous no mesmo número), no ribadense Las Riberas del Eo.

Os seus escritos atópanse espallados por publicacións varias, circunstancia que, unida aos inéditos e extraviados, ten dificultado o seu coñecemento. Hoxe en día, para a prosa de Sela contamos coa edición de X. Miguel Suárez, El Tío Pepe. Colaboracióis periodísticas en gallego-asturiano (1931-1948) (Academia de la Llingua Asturiana, 2000). Á poesía de Mejeras podemos aproximarnos a través da escolma de Félix Villares en Un alpendre de sombra e de luar. A escola literaria da Diócese de Mondoñedo-Ferrol (Biblos, 2007) ou do número de Amencer que lle dedicou ao poeta o Seminario de Santa Catalina en 2013. Tamén temos no prelo unha edición coa obra de Fidalgo e esperamos que o centenario de Queipo nos depare algo similar.

Os catro autores, a pesar de utilizaren a lingua do país na década de 1940, encontraranse mediatizados, como tantos coetáneos, pola nova situación política, que influirá en que Sela e Fidalgo afrouxen o cultivo literario, en que opten maioritariamente polo castelán e mesmo, como fan Queipo e Mejeras, en que asinen afervoadas loas ao novo réxime.

Xoán Babarro González
Membro correspondente da Academia