A voz poética de Xela Arias reúne este xoves a Chus Pato, Alba Cid, María Xesús Nogueira e a Banda da Loba

A voz poética de Xela Arias (1962-2003) é o eixe da segunda das tres xornadas do simposio que a Real Academia Galega lle dedica á protagonista das Letras Galegas 2021 neste mes de novembro. O encontro do xoves 18, aberto ao público, contará a partir das 18:00 horas coas olladas á poesía da homenaxeada das poetas Chus Pato e Alba Cid e mais da crítica literaria María Xesús Nogueira. A tarde rematará cunha actuación musical da Banda da Loba, que converteu varios poemas de Xela Arias en cancións. A entrada é libre e todas as intervencións poderán seguirse tamén en directo a través de academia.gal e da canle de Youtube da Real Academia Galega.

Chus Pato participará no Simposio Xela Arias cun relatorio titulado “A temporalidade e outros animais na escritura de Xela Arias” . “Estes animais son a disonancia, o innominable, o amor e os diversos fíos que tecen o tapiz dos seus poemas”, explica a académica de número.

Alba Cid, gañadora do “Premio Nacional de Poesía Joven 2020”, analizará as coordenadas culturais da obra de Xela Arias e a “orfandade xeracional” que a propia poeta declarou e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Xesús Nogueira, editora de Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias, profundará nas reflexións sobre a poesía que foi deixando Xela Arias en diversos soportes, e que reflicten tanto as claves da súa poética como as súas coordenadas estéticas e ideolóxicas.

A Banda da Loba poralle o ramo á xornada (19:30 horas) coa interpretación de varios temas do seu disco Hasme oír, a súa homenaxe a Xela Arias neste ano das Letras Galegas dedicado á súa figura.

Contidos relacionados:

O Simposio Xela Arias arrinca coa ollada ao mundo cotián da muller "loitadora" e "temeraria" que se espiu na escrita

A RAG celebra o legado de Xela Arias, a poeta das vidas á marxe