A VII Xornada de Onomástica Galega explorará a relación entre os nomes propios e a literatura

Nomes de persoa como a Maxina de Marcial Valladares, a Maxa de Xohana Torres, o Adrián Solovio de Otero Pedrayo ou o Balbino de Neira Vilas; topónimos reais como o Bastavales, Laíño e o Lestrobe de Rosalía, os do Courel de Novoneyra e outros entre a realidade e a ficción como as Terras de Miranda de Cunqueiro son só algúns exemplos da fecunda pegada da onomástica nas letras galegas. Neste campo profundará a Real Academia Galega na que será a VII Xornada de Onomástica Galega, unha cita que reunirá o vindeiro 15 de outubro no Museo de Pontevedra especialistas neste eido con olladas dende a literatura medieval á moderna. Incluirá tamén unha mesa redonda na que Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey compartirán con Marilar Alexandre como escollen os nomes dos protagonistas das súas novelas. Finalmente, porá o ramo un acto poético de Xosé María Álvarez Cáccamo baseado en topónimos.

Xosé Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; Ana Boullón, académica de número; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG e María Ortega, deputada de Lingua. Fonte: RAG

A RAG organiza dende o ano 2016 as Xornadas de Onomástica Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e co Museo de Pontevedra. O pazo provincial acolleu a presentación da última edición, A onomástica literaria, coordinada pola académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez. A propia Ana Boullón; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a deputada de Lingua, María Ortega; e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, expuxeron en rolda de prensa o obxectivo e o programa e presentaron a publicación que recolle as contribucións da pasada edición, Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica no Camiño de Santiago.

María Ortega agradeceu á RAG que conte coa Deputación de Pontevedra nesta e noutras iniciativas de divulgación e estudo da lingua e da cultura galegas e Xosé Manuel Rey expresou a súa satifacción por que o Museo sexa unha vez máis sede deste encontro. O presidente da Academia expresou tamén o seu agradecemento á Deputación e ao Museo polo seu apoio nunhas xornadas que pretenden contribuír a “reflexionar sobre a identidade do país a través da lingua, e neste caso a través dos nomes propios”. Víctor F. Freixanes lembrou ademais a estrea da Guía de nomes galegos en liña, “unha achega moi importante da RAG á onomástica galega” á que proximamente se sumará a guía de apelidos.

O programa
“A onomástica literaria, que estuda a función e a significación dos nomes propios na literatura, é un campo pouco explorado no ámbito galego, pese ao gran rendemento que moitos dos nosos escritores lle teñen tirado. Propoñemos este ano centrarnos nesta cuestión, para examinar o seu uso en determinados autores e para explorar novos camiños de pescuda”, explica Ana Boullón.

O programa arrincará o sábado 15 de outubro ás 10:30 horas con catro intervencións de investigadores que se teñen debruzado neste eido con diversas perspectivas. Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, centrarase na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

Na literatura medieval centraranse deseguido Bieito Arias Freixedo (UVigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.

Xa pola tarde, Berta Dávila, a académica Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda conducida pola académica Marilar Aleixandre na que compartirán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Pechará a xornada Xosé María Álvarez Cáccamo cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos.

As persoas interesadas en inscribirse na VII Xornada de Onomástica Galega poden facelo antes do 12 de outubro escribindo un correo electrónico a publicacions@academia.gal no que figuren o seu nome completo, o DNI e un número de teléfono. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. O encontro poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal.

Dez traballos sobre a onomástica nas rutas xacobeas
As achegas da VII Xornada de Onomástica será ademais recollidas posteriormente, como é costume, nunha publicación en papel e versión dixital. O que é ata o momento o último volume da serie recolle os traballos das persoas que interviñeron no encontro do ano pasado, dedicado aos nomes dos lugares que atravesa o Camiño de Santiago, dez especialistas que afondaron na toponimia das rutas xacobeas e na pegada do haxiónimo Santiago nos nomes de lugar, nos propios e mais nos apelidos, cadrando coa celebración do ano santo compostelán.

Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago arrinca co percorrido de Anselmo López Carreira, historiador da Galicia medieval, sobre a evolución semántica dos nomes Galicia e España desde a época romana e ao longo da Idade Media. O filólogo José María Anguita presenta deseguido un minucioso estudo que permite recoñecer as formas que designan algunhas cidades hispanas conquistadas por Carlomago recollidas nun dos libros do Códice Calixtino, o Pseudo-Turpín, e achega argumentos que reforzan a teoría do académico electo Gonzalo Navaza que propón que a orixe do topónimo A Coruña, Crunia, estaría nunha mala tradución de Cauria. Sandra Beis examina a fértil descendencia de Iacobus en nomes, apelidos e topónimos peninsulares e Pilar Cagiao, especialista en historia de América, segue a propagación do nome do apóstolo na toponimia na colonización americana desde as viaxes de Colón.

No apartado das experiencias didácticas, Mª Carmen Linares e Luciano Fernández Martínez presentan dous proxectos desenvolvidos no CEIP Agro do Muíño e no IES do Milladoiro, no concello de Ames, por onde discorre o Camiño Portugués, o de Fisterra-Muxía e mais un terceiro que se pretende revitalizar, o da ría de Muros-Noia.

O volume remata coas intervencións e o debate da mesa redonda sobre os nomes de lugares no Camiño que lle puxo o ramo á xornada, na que se quixo tratar a toponimia das rutas xacobeas como elo vertebrador dos estudos toponímicos en Europa. Para isto contouse coa participación da antropóloga Cristina Sánchez-Carretero, especialista en xestión do patrimonio; Eduardo López Pereira, doutor en Filoloxía Clásica e membro da Academia Xacobea; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e o académico electo Gonzalo Navaza.