A veciñanza de Valdeorras implícase nas Xornadas Florenciófilas para despedir o Ano Delgado Gurriarán

O Centro Cultural Avenida da Rúa acolleu a apertura das Xornadas Florenciófilas, o programa de tres días organizado polo proxecto As Letras de Florencio para comezar a despedida do Ano Florencio Delgado Gurriarán. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou xunto ao expresidente da institución, Xesús Alonso Montero, e o crítico literario Xosé Ramón Pena na mesa literaria coa que deu comezo a iniciativa. A directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, tomou a palabra ao día seguinte na mesa sobre o galego no protagonista do Día das Letras Galegas 2022, que tamén contou cunha notable participación do público. O programa completouse cun coloquio sobre arte no concello de Rubiá e outro sobre historia en Petín.

Un momento da mesa de literatura que abriu as Xornadas Florenciófilas. Fonte: As Letras de Florencio

O presidente da RAG prestoulles especial atención ás publicacións periódicas nas que Florencio Delgado Gurriarán participou dende o exilio, Saudade e Vieiros. Víctor F. Freixanes lembrou ademais que a Academia escolleu o poeta como protagonista do Día das Letras Galegas 2022 en recoñecemento das súas calidades literarias e persoais, e tamén como a primeira homenaxe desta celebración á lingua e a cultura de Valdeorras e ao exilio galeguista en México. Xesús Alonso Montero detívose nas vicisitudes da publicación do Cancioneiro da loita galega, que non chegou a Galicia ata despois do franquismo; e Xosé Ramón Pena analizou os “poemas mexicanos” de Delgado Gurriarán.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Pena na mesa moderada por Débora Álvarez Moldes. Fonte: RAG

O Teleclub de Petín foi o escenario da mesa de historia, na que Telmo Fernándes Gonçálves falou do papel de Florencio na organización dos barcos da liberdade dende Francia; Aurora Marco dedicou a súa intervención ás mulleres na guerra e na posguerra en Valdeorras; e Camilo Valdehorras analizou a relación de Florencio coa Xeración Nós e os atrancos na transmisión da galeguidade no exilio mexicano.

Xa na mesa sobre o idioma, a académica Rosario Álvarez, directora da Sección de Lingua da RAG e presidenta do Consello da Cultura Galega, analizou o galego de Delgado Gurriarán dende tres perspectivas: a raíz, a tradición e a universalidade. A doutora en filoloxía vianesa Concepción Álvarez, especialista na fala valdeorresa, debullou o universo léxico de Florencio marcado pola pegada da súa terra e o historiador Francisco Cobo mostrouse crítico co tratamento dos termos valdeorreses nas reedicións da obra do autor ao que este ano a Real Academia Galega dedicou o 17 de maio.
A última mesa, centrada na arte, celebrouse en Rubiá e estivo protagonizada polos creadores Domingo Díaz Docampo, Raquel Queizás e Sr. Jingles.

Pola esquerda, Cristina de la Torre moderando o coloquio no que participaron Rosario Álvarez, Concepción Álvarez Pousa e Francisco Cobo. Fonte: As Letras de Florencio