A toponimia xacobea peninsular: do Erromesbidea ás dúbidas sobre San Pelegrín

“O mellor é a auga”. Dicíao o poeta grego Píndaro e lémbrao o profesor de Filoloxía Clásica Emilio Nieto Ballester. Proba diso é que, tras moitos séculos de peregrinación a Compostela, esta segue a ser primordial para o camiñante, para a vida. Pero o investigador da Universidade Autónoma de Madrid, autor do Breve diccionario de topónimos españoles, presentou no Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago outras probas: nomes relacionados con fontes e mananciais de distintas rutas xacobeas. O encontro organizado pola Real Academia Galega, que está a reunir na Facultade de Filoloxía da USC os principais especialistas en nomes de lugar de Galicia, a Península e Europa, dedicou a segunda xornada á toponimia xacobea de Portugal e do resto de España, tras a profundar o mércores no territorio galego. 

1/15

Emilio Nieto ofreceu un relatorio sobre as palabras que fan referencia nas linguas peninsulares a fontes e mananciais ao longo dos camiños de Santiago, tratando de resolver dúbidas que seguen a rodear a orixe de topónimos como Collá de Zampudia ou Jumpesada. “Na toponimia estes resultados móstranse moito máis variados ca na lingua estándar normalizada”, explica o filólogo, que parte de exemplos de resultados fonéticos e morfolóxicos moi distintos aos normalmente sinalados para fons fontis e aqua -ae e os seus derivados. Deste xeito, o investigador propón explicacións para topónimos que ata ao momento non a tiñan ou presentaban moitas dúbidas. “É o caso de moitos resultados tipo juan, jun, zam-, am- en exemplos como Juan Bendita (Fanlo, Huesca), La Juan Salida (Arnedillo, La Rioja), Fuente Juntoria (La Vecilla, León), Ampudia, Collá de Zampudia (Caso, Asturias) ou Jumpesada (Oseja de Sajambre, León)”, exemplifica.

O programa contou tamén con outros referentes do estudo dos nomes de lugar de distintos puntos da Península Ibérica que falaron dos seus respectivos territorios. Javier Giralt, presidente da Academia Aragonesa de la Lengua, referiuse ao “pouco eco compostelán” na toponimia maior de Aragón. No caso da toponimia urbana, neste territorio atópanse exemplos como Puente de los Peregrinos (Canfranc), Caseta del Peregrino (Barbastro e Biel), Camino del Peregrino e Corral de Peregrinos (Biota), Portal del Peregrino (Valdealgorfa), e rúas dedicadas a Santiago en Castiello de Jaca, Ara, Cajigar, Morillo de Liena, Monreal ou Teruel.

 

Mención á parte mereceu o caso San Pelegrín (Huesca), relacionado con San Peregrino de Auxerre (s. III) e documentado por primeira vez no ano 1191. “Cabe a posibilidade de que teña que ver co Camiño? Si, se temos en conta que por alí pasaba un enlace, un camiño subsidiario que unía o camiño rotense co de Salas, que é unha das vías do Camiño Catalán. Pero é unha suposición, non sabemos se realmente a motivación é esa ou non”, advirte Javier Giralt. O especialista aragonés tamén se refire ás dúbidas arredor do topónimo Canfranc, que podería referirse tanto aos francos (como eran coñecidos os camiñantes) mais tamén simplemente a un terreo franco, exento de pagamentos fiscais, expuxo.

O Erromesbidea, o ‘camiño de peregrinos vasco’
O profesor da UPNA e académico de Euskaltzaindia Patxi Salaberri examinou os nomes das localidades polas que transcorre dende o País Vasco ata Logroño o chamado Donejakue bidea (en éuscaro actual) ou Erromesbidea (“camiño de peregrinos” na documentación), o Camiño Francés. “A conclusión máis importantes quizais sexa a cantidade de localidades con dobre, nalgunha ocasión tripla, denominación que hai ao longo do percorrido: dez en total, mesmo cando as poboacións son pequenas”. É o caso, por exemplo, do municipio de Luzaide, forma vasca xa rexistrada no ano 1110 e que probablemente é un composto de luze ‘largo’ e bide ‘camiño’. Na forma romance denomínase Valcarlos, que parece ter relación directa, lembra o profesor, co Carlomagno do Códice Calixtino.

A tarde rematou cun concerto de Germán Díaz sobre a zanfona e a ruta xacobea aberto ao público. A derradeira xornada do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño arrincará este venres con tres referentes europeos dos estudos toponímicos, Elena Papa e Alda Rossebastiano, profesoras da Università di Torino, e Pierre-Henri Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique (Francia). Contará tamén, entre outras, con achegas relacionadas coa cartografía e a historia medieval. Todas as sesións poden seguirse ademais dende esta páxina web e a canle de Youtube da RAG.

A Real Academia Galega organiza o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica, e co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.