Letras galegas 2020

A Real Academia Galega traslada o pleno do Día das Letras Galegas ao 31 de outubro

A Real Academia Galega acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19. A sesión mantense no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol, pero trasladarase do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro, xusto un día despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. De igual xeito, os demais actos presenciais que a institución tiña previsto celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas terán lugar á volta do verán.

A Real Academia Galega tomou esta decisión ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos. A medida, inédita nos cincuenta e sete anos de historia do Día das Letras Galegas, adóptase dende a responsabilidade ineludible, que esixe priorizar a seguridade do público asistente e de todas as persoas implicadas na organización dun acto destas características. O cambio de data desta e doutras iniciativas pretende tamén prolongar a celebración do Ano Carballo Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega.

Malia os cambios no calendario de actividades presenciais arredor do Día das Letras Galegas, a RAG quere que o 17 de maio sexa igualmente unha gran celebración colectiva, e fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que sexa así valéndose das posibilidades do mundo dixital que tanto se están a aproveitar nestes tempos de obrigado afastamento social. Nesta liña, a institución reforzará nas vindeiras semanas na Rede as iniciativas de divulgación da figura e da obra do filólogo, escritor e profesor Carballo Calero, tanto a través desta páxina e do proxecto para o público infantil Primavera das Letras como do Portal das Palabras.

A entrada en vigor do estado de alarma o pasado 15 de marzo xa obrigara a Real Academia Galega a adiar o acto centrado no labor como dramaturgo de Ricardo Carballo Calero que estaba a organizar da man de Santiago Fernández, que xunto con Manuel Lorenzo dirixe o estudio teatral Casa Hamlet. O programa ía desenvolverse na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, o pasado 25 de marzo, cadrando co trixésimo cabodano do autor e nas vésperas do Día Mundial do Teatro.

Outro acto que terá que ser reprogramado á volta do verán é a homenaxe ao labor de Ricardo Carballo Calero como docente, e como parte da resistencia galeguista na posguerra, que a RAG ía celebrar o 7 de maio en colaboración co Colexio Fingoi, o centro educativo lugués que o autor dirixiu dende 1950 ata o seu regreso en 1965 a Santiago de Compostela, onde se fixo cargo das primeiras aulas de galego na universidade. Tamén no outono, como vén sendo habitual, terá lugar o Simposio das Letras Galegas.

Tendo en conta o impacto que pode estar a ter a suspensión das clases presenciais no desenvolvemento de parte dos proxectos escolares dedicados a Ricardo Carballo Calero, a RAG ampliará ata despois do outono o prazo de participación no concurso Contádenos o voso Día das Letras –convocado ao abeiro do proxecto Primavera das Letras– e anima o profesorado a que, alén de promover accións virtuais nas vésperas do propio 17 de maio, estenda as iniciativas arredor da figura e a obra do homenaxeado ao primeiro trimestre do curso próximo.