Letras galegas 2020

A Real Academia Galega celebra o 12 de decembro o pleno do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega celebrará o sábado 12 de decembro o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero. A celebración terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no mesmo edificio en que impartiu clases como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega desta institución. O acto, que tivo que ser adiado por mor da situación sanitaria, incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual de quen é unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. A sesión poderá seguirse en directo a través de academia.gal.

Ricardo Carvalho Calero na praza da Quintana. Autor: Moncho Rama

O pleno extraordinario constitúe o acto central arredor da figura á que a Academia lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A institución seguirá a celebrar nas vindeiras semanas o seu legado coa presentación do epistolario que reúne as cartas que intercambiou con Ramón Otero Pedrayo e a resolución do concurso Contádenos o voso Día das Letras. A RAG abriu o Ano Carvalho Calero en Ferrol coa presentación do proxecto web para o público infantil Primavera das Letras, un espazo que cobrou especial relevancia durante o confinamento, que obrigou a pospoñer a programación presencial. A institución reforzou no escenario marcado pola pandemia as iniciativas dixitais con experiencias como a serie de micropezas audiovisuais Unha palabra para don Ricardo e a posta en marcha dun sitio web dedicado a Carvalho Calero que avanza a que será a nova imaxe na Rede da RAG.

A programación presencial retomouse en outono coa celebración do Simposio Ricardo Carvalho, que inaugurou unha nova etapa en que os principais eventos da RAG están a ser emitidos en directo a través de academia.gal. As catros xornadas do programa, que poden verse na mesma web, permitiron afondar na vida e na obra de Carvalho Calero da man de Carmen Blanco, Justo Beramendi, José-Martinho Montero Santalha, Dolores Vilavedra, Pilar García Negro, Alberte Valverde, Pilar Pallarés, Henrique Rabuñal, Laura Tato, Rosario Álvarez, Henrique Monteagudo, Eduardo Maragoto e Serafín Alonso Pintos.

O escritor, filólogo e profesor é autor de obras literarias senlleiras como a primeira novela en galego da posguerra, A xente da Barreira (1951), Scórpio (1987) ou o poemario Reticências... (1990); e tamén de títulos fundamentais da crítica literaria como Historia da literatura galega contemporánea (1963), que estableceu o canon clásico das letras galegas. O volume foi unha obra de referencia para moitas xeracións de estudantes de filoloxía, como o foi tamén a súa Gramática elemental del gallego común (1966), manual didáctico que coñeceu sete edicións ata 1979.

O pleno do Día das Letras Galegas terá lugar nunha das cidades que marcaron a traxectoria vital de Ricardo Carvalho Calero, xunto a Ferrol, onde naceu en 1910, e Lugo, onde dirixiu entre 1950 e 1965 o Colexio Fingoi. O autor chegou a Santiago de Compostela en 1926 para cursar estudos universitarios. Nesta primeira etapa compostelá entrou axiña en contacto co galeguismo e mantivo unha intensa vida intelectual e política: redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade (subscrito, entre outros, por Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego), participou na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia, e publicou o seu primeiro libro en galego, o poemario Vieiros (1931).

Carvalho Calero regresou a Santiago de Compostela en 1965 para se facer cargo das primeiras clases de galego da USC. Sete anos despois convertíase no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega desta institución. O profesor morreu nesta mesma cidade en 1990, nun momento, xa xubilado, especialmente produtivo no eido da creación literaria e do activismo cultural.