A RAG lamenta o pasamento do académico correspondente Domingo Frades Gaspar

A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Domingo Frades Gaspar (San Martiño de Trebello, 18 de outubro de 1936 – Badaxoz, 10 de xaneiro de 2023), membro correspondente da institución dende o ano 2004 e destacado valedor do galego de Estremadura. Falante da variedade mañega dende o berce, realizou un importante labor de recompilación de vocabulario, toponimia, costumes e cantigas populares, á vez que promoveu o coñecemento da existencia das falas dos concellos cacereños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello. Colaborou ademais na constitución de diversas asociacións culturais, entre elas a Asociación Fala i Cultura do Val do Río Ellas, da que foi o primeiro presidente.

Domingo Frades Gaspar. Fonte: Arquivo familiar

Axente de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura de profesión, compaxinou este labor coa escrita de diversas obras sobre a cultura e a lingua da serra de Gata, entre elas as monografías Vamus a falal. Notas pâ coñecel y platical en nosa fala (1992 e 2000) e Callejeiru Mañegu e a tradución de Novu Testamentu en Fala (2015). Organizou tamén, entre outros encontros, o Congresu da Fala en Valverde e o Seminario Internacional de Linguas Minoritarias da UE celebrado na mesma localidade.

Domingo Frades Gaspar tamén cultivou a poesía. Só uns días antes do seu pasamento chegara ás súas mans a súa Obra poética mañega, a recompilación dos poemas que foi creando e publicando entre 1971 e 2004. O volume será presentado postumamente o vindeiro 20 de xaneiro en Badaxoz e os días 21 e 22 en San Martiño de Trebello e Valverde.

Representante do galego estremeiro
O académico correspondente deu lectura ao discurso Por que estó contentu de falar?, xunto aos tamén académicos correspondentes Carlos Xesús Varela Aenlle, Héctor Silveiro e Felipe Lubián, nun acto celebrado na sede da Real Academia Galega o 18 de decembro de 2004 dedicado ao galego estremeiro. A súa intervención e a dos outros tres membros correspondentes, así como a resposta que lles deu o académico de número Francisco Fernández Rei en nome da institución, poden lerse na publicación A herdanza da lingua. O galego de Asturias, León, Zamora e Cáceres. Domingo Frades Gaspar representaba na RAG o galego de Cáceres, unha ponla do galego medieval da que agromou un grupo dialectal formado polo valverdeiro, o largarteiro e o mañego.

Domingo Frades Gaspar lendo o discurso Por que estó contentu de falar? (2004). Fonte: Arquivo da RAG