A RAG interésase polo 'Informe cero' da lingua de signos galega

A Real Academia Galega participou na presentación do Informe cero da lingua de signos galega, presentado o pasado sábado na Deputación de Pontevedra nun encontro promovido polo ente provincial e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga). O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, manifestou o interese da institución, que acudiu como observadora ao encontro, por coñecer a realidade dunha forma de expresión que forma parte da identidade galega.

O presidente da RAG posa cos demais intervenientes na xornada de presentación do Informe cero da lingua de signos galega. Fonte: Deputación de Pontevedra

Víctor F. Freixanes lembrou que a RAG foi creada para defender e divulgar o patrimonio cultural común de todos os galegos e galegas e que nese obxectivo están “todas as formas de expresión e patrimonios que constrúen a nosa identidade”, engadiu en referencia á lingua de signos galega.

O presidente Academia agradeceu o convite á presentación do Informe cero da lingua de signos galega, á que tamén asistiron as académicas Fina Casalderrey e Ana Boullón Agrelo. O documento foi realizado por Carlos Manuel Varela Ulla e Santiago Frigola Segimon, que ofreceron senllos relatorios sobre o propio informe e a lingua de signos catalá. No encontro, inaugurado pola deputada de Lingua, María Ortega, tamén interveu, entre outras persoas convidadas, a investigadora Cristina González Abelaira, autora dunha tese doutoral sobre o tema.