A RAG e o Senado estudarán vías de colaboración para a promoción da lingua e da cultura galegas

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, recibiu hoxe o presidente do Senado, Ander Gil, na sede da institución, no marco da visita oficial do máximo mandatario da Cámara Alta a Galicia. No encontro mantido na rúa Tabernas da Coruña, ambos os presidentes acordaron iniciar un diálogo para concretaren políticas de colaboración que incidan na promoción da lingua e da cultura galegas como parte do patrimonio común do Estado.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente do Senado, Ander Gil; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a subdelegada do Goberno, María Rivas; e a arquiveira bibliotecaria da RAG, Marilar Aleixandre

No encontro tamén participaron a arquiveira bibliotecaria da RAG, a académica Marilar Aleixandre; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; e a subdelegada do Goberno, María Rivas.

Víctor F. Freixanes lembrou a declaración institucional que a Real Academia Galega, Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans enviaron en febreiro de 2021 ás principais institucións do Estado, na que reivindican que a diversidade lingüística sexa tratada “como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, e agradeceu a receptividade do presidente do Senado coa cerna das ideas reflectidas neste documento.

Ander Gil propúxolle nesta liña ao presidente da RAG iniciar un intercambio de ideas da cara á sinatura dun convenio que permita reforzar o uso da lingua e a cultura galegas dende a Cámara Alta. A proposta, explicoulle, insírese na aposta da presidencia do Senado polo establecemento de vínculos formais coas academias das linguas cooficiais do Estado para traballaren conxuntamente na proxección da riqueza lingüística de España como parte fundamental do patrimonio común de toda a sociedade española.

O presidente do Senado plasmou en galego no libro de ouro da Academia a súa satisfacción por poder visitar “a institución que protexe e fomenta a cultura galega, contribuíndo a preservar o patrimonio inmaterial de todos os homes e mulleres desta Terra”. No transcurso da súa visita á RAG, Ander Gil tamén conversou con Víctor F. Freixanes sobre as obras de rehabilitación integral da sede da institución, que financiará o Goberno de España, e visitou a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, situada no primeiro andar do edificio.