A RAG decide este venres quen protagonizará as Letras Galegas 2022

O Pleno da Real Academia Galega decidirá este venres quen protagonizará o Día das Letras Galegas 2022. Será nunha sesión ordinaria na que se someterán a votación as tres candidaturas presentadas por membros de número da institución: a de Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, Estados Unidos, 1987), escritor, editor literario e activista político e cultural fundamental do exilio galego en México; a de Fiz Vergara Vilariño ( Samos, 1952 – Lugo, 1997), poeta singular, narrador e dramaturgo; e a protagonizada por Ánxel Casal Gosende (A Coruña, 1895 – Teo, 1936), fundador da Editorial Nós, xunto ao poeta granadino Federico García Lorca (1898-1936), autor dos Seis poemas galegos publicados no devandito selo.

De esquerda a dereita, Federico García Lorca, Ánxel Casal, Fiz Vergara Vilariño e Florencio Delgado Gurriarán.

O Regulamento de Réxime Interno da Academia establece que na primeira xuntanza despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Plenario debe elixir a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no ano vindeiro. A normativa indica que esta debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". É ademais requisito indispensable que pasasen dez anos desde a súa morte e que a candidatura estea avalada cando menos por tres membros de número da Academia.

Os académicos e académicas de número reuniranse este venres 2 de xullo na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Víctor F. Freixanes, comunique o resultado da votación sobre o Día das Letras Galegas de 2022.