LG_2021

A RAG celebrará en Vigo o pleno das Letras Galegas de Xela Arias coas olladas á autora de Ana Romaní, Manuel Rivas e Marilar Aleixandre

O acto central do Día das Letras Galegas celebrará a figura e a obra de Xela Arias dende Vigo, escenario fundamental da vida da poeta, editora e tradutora á que a Real Academia Galega dedica este 17 de maio. O pleno extraordinario da institución contará coas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas. As académicas e o académico achegarán distintas olladas á autora, voz singular dunha xeración que trouxo a modernidade á cultura galega, e que tivo en boa medida a cidade de Vigo como epicentro. A palabra de Xela Arias estará tamén presente na actuación musical de Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu, quen comezara a preparar coa escritora un espectáculo poético-musical pouco antes do seu pasamento. A cerimonia terá lugar no Auditorio Mar de Vigo a partir das 13:00 horas e poderá seguirse en directo nesta ligazón.

Xela Arias creou unha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida e quíxoa facer dialogar con outras artes. Dende a ilustración, presente no seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio (1986), e a fotografía –coa que comparte protagonismo en Tigres coma cabalos (1990) e na portada de Darío a diario (1996)–, ata a música, á que se achegou especialmente na última etapa da súa vida tras a publicación de Intempériome (2003). Pero este Ano Xela Arias celebra tamén outros perfís da homenaxeada igualmente frutíferos: os de editora e tradutora rigorosa que verteu ao galego milleiros de páxinas de clásicos universais. Drácula de Bram Stoker, Venus negra de Angela Carter, Amor de perdición de Camilo Castelo Branco ou O derradeiro dos mohicanos de Fenimore Cooper son algúns dos case vinte títulos que trouxo á nosa lingua, un labor polo que foi premiada en distintas ocasións.

Estrea do último episodio de ‘A palabra esgazada’
O pleno do 17 de maio constitúe o acto institucional central da Real Academia Galega arredor da celebración das Letras Galegas, pero a programación da entidade estenderase ao longo de todo o ano. Nesta edición, marcada como a anterior pola pandemia, o audiovisual cobrou forza. A RAG produciu Xela Arias. A palabra esgazada, a primeira serie documental sobre a personalidade á que homenaxea, e estreará este martes o sexto e último capítulo, centrado na pegada de Xela Arias nas novas xeracións. A proposta, realizada pola produtora Miramemira, pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da RAG, onde tamén está dispoñible Xela Arias. Onde canta a poeta, trinta olladas á vida e á obra da autora en forma de micropezas. Nesta última serie intégrase a colaboración especial da violonchelista viguesa Margarida Mariño, que converteu en canción o poema que dá nome ao volume Tigres coma cabalos.

Contidos para o público de todas as idades
A Real Academia Galega ofrece ademais recursos lúdicos e didácticos sobre Xela Arias creados para o público infantil a través da páxina web do proxecto Primavera das Letras; e mantén tamén activa unha sección especial das Letras Galegas 2021 no Portal das Palabras, con xogos e outros recursos lexicográficos arredor do universo vital e literario da autora. As citas da palabra do día deste espazo beben ademais dende abril da obra de Xela Arias. A semana que vén sairán de Non te amola!, narración inspirada na súa infancia que permanecera inédita ata este ano.

Á volta do verán, a Real Academia Galega celebrará o tradicional simposio das Letras Galegas, onde distintas voces especialistas ofrecerán novas perspectivas á figura e á obra de Xela Arias.