A RAG abre o centenario do pasamento de Murguía en febreiro de 2023 revisitando o seu legado

A Real Academia Galega abrirá en febreiro de 2023 a celebración do centenario do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833 - A Coruña, 1923) con tres xornadas que revisitarán a figura e afondarán no legado de quen foi primeiro presidente da institución, intelectual polifacético e figura fundamental do Rexurdimento, considerado o gran construtor da nacionalidade galega. As seccións de Historia e de Literatura da RAG organizan, en colaboración coa Casa de Rosalía e distintas institucións, o programa, que xirará arredor de tres eixes: Murguía e as institucións, Murguía e a idea de Galicia e a relación entre a literatura e a nación.

As xornadas terán lugar os días 2, 9 e 16 de febreiro de 2023 na Coruña, Santiago de Compostela e Padrón, tres escenarios vitais e simbólicos na traxectoria do historiador, responsable da definición do ideario político do Rexurdimento e autor de obras como Historia de Galicia, fundamental na conformación da emerxente ideoloxía nacionalista naquel tempo. Os encontros contarán, entre outros relatores, co académico de número Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro, a biógrafa de Rosalía, María Xesús Lama, a investigadora Ana Acuña, o politólogo Ramón Maiz, o historiador Justo Beramendi e o académico de número director da Sección de Historia a RAG, Ramón Villares.

O primeiro encontro, sobre a relación de Manuel Murguía coas institucións galeguistas e a creación dos símbolos de Galicia, terá lugar na Coruña o 2 de febreiro de 2023, o día do centenario do seu pasamento, e abranguerá dende os precedentes da Real Academia Galega, con experiencias como a da Sociedad de Folklore Gallego, creada en 1884 tamén na cidade da Coruña, e a bandeira galega de Murguía e Rosalía de Castro.

A idea de Galicia de Manuel Murguía será obxecto de novas achegas na xornada que se desenvolverá o 9 de febreiro en Santiago de Compostela, cun repaso á súa obra como historiador e o seu papel na difusión da idea do celtismo como paradigma interpretativo da historia de Galicia, entre outros temas

A Casa de Rosalía de Castro acollerá o 16 de febreiro a última xornada. A Casa da Matanza servirá de escenario para un encontro no que se abordará o papel de Murguía na creación do canon da literatura do país, a creación dunha “escritura nacional” e mais a figura de Rosalía de Castro no sistema literario do seu tempo.